20 de febreiro de 2018
O evento, que reúne a máis de 200 expositores e 15.000 referencias de produtos ecolóxicos na que será a súa primeira edición en Galicia, contará con obradoiros de cociña, actividades para nenos e nenas, charlas informativas e actividades culturais
A Coruña acolle entre o 2 e o 4 de marzo a primeira edición en Galicia da feira BioCultura, que reúne a 200 expositores e unha ampla serie de actividades e propostas destinadas a fomentar a agricultura ecolóxica e o consumo responsable. "Este evento tenta poñer un escaparate e un trampolín a iniciativas económicas que consideramos que son o futuro porque integran a responsabilidade social e ambiental necesaria para que o noso desenvolvemento económico non cause prexuízos no planeta e nas persoas", explicou a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen anunciou tamén que a feira, "a máis importante do Estado español neste ámbito, veu para quedarse". O edil de Emprego, Alberto Lema, destacou a relevancia, tanto a nivel económico, turístico e de consumo, que supón para A Coruña acoller este evento, que tamén se celebra en Madrid, Barcelona, Sevilla e Bilbao. "É evidente en que lugar nos coloca. É moi relevante para nós que elixan A Coruña como referencia para o Noroeste", apuntou.
A presidenta da Asociación Vida Sana, promotora do evento e tamén directora de BioCultura, Ángeles Parra, afirmou que esperan recibir durante estes tres días a unhas 13.000 persoas entre público xeral e profesionais do sector. Parra, que agradeceu a colaboración do Concello, explicou que se trata dunha feria multisectorial para empresas que sigan "a cultura da ecoloxía". Como indicou, as persoas que se acheguen á feira poderán atopar máis de 15.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica. Porén, non será o único sector representado, xa que está prevista a presenza de produtores orgánicos de téxtil, bioconstrución, hixiene e cósmetica, mobles e decoración, aforro e reciclaxe, ecoloxía, medio ambiente, terapias complementarias turismo rural, xoguetes, artesanía, música, libros e revistas. "Dirixímonos a todos os consumidores que queiran cambiar o seu estilo de vida e os hábitos para seren consumidores responsables. Polo tanto todos estes sectores, produtos e servicios vanlle axudar a facer ese cambio a diario, non as fins de semana. Non é só unha feria, é un lugar de información", explicou Parra. Ao fío, o concelleiro de Emprego enumerou algunha das iniciativas de consumo responsable que se teñen posto en marcha na cidade, como os mercados de produción ecolóxica ou as hortas urbanas, que demostran, dixo, "que existe na cidade un consumidor de conciencia e que busca máis razóns que a económica" á hora de mercar. "A feira é unha oportunidade para nós, pero tamén un lugar de pedagoxía e de aprendizaxe", apuntou.
A vicepresidenta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Rocío Freire, quen tamén participou na presentación, indicou que das 202 iniciativas participantes, 64 son galegas. "Esta feira de biocultura ten unha ampla traxectoria e prestixio e é de gran interese para as empresas e productores galegos. Por iso no Craega nos implicamos para que poidese ter lugar en Galicia. É unha grande oportunidad para o sector e debemos aproveitar", afirmou, tras agradecer ao Concello o seu apoio. Neste sentido, a edil de Medio Ambiente resaltou a actividade destas empresas, que "ademais de dar emprego, nun sector en alza, melloran o medio cos seus sistemas de produción e axudan a manter un rural vivo, a paisaxe, a calidade ambiental e os sistemas agrogandeiros e agrosforestais tan característicos de Galicia e que moitas veces adolecen de falta do necesario apoio institucional".
Durante tres días, o recinto de Expocoruña albergará a 202 expositores e máis de 150 actividades como degustacións e showcooking, obradoiros de ecoestética, mesas redondas, charlas e conferencias. Haberá ademáis actividades lúdicas para os nenos e as nenas -hortas ecolóxicas, reciclaxe, cociña...- e actuacións de música, teatro ou maxia na área denominada MamáTerra. O recinto terá unha zona de picnic no que disfrutar tanto da comida preparada en varios postos con produtos ecolóxicos como dos concertos, nos que actuarán os grupos Azougue, Dequenvessendo, AlóDjango e Fernando Barroso e Margarida Mariño. A Concellería de Medio Ambiente contará tamén cun espazo para divulgar as políticas ambientais municipiais e no que se realizarán actividades para os nenos e as nenas, tal e como relatou García.
A feira, que ten unha entrada xeral de 4 euros, está dirixida a un público amplo, tanto persoas consumidoras interesadas en todo tipo de produtos que siguen pautas ecólóxicas na súa produción, como para profesionais que queran profundar neste sector. Pódese consultar neste enlace toda a información de produtoras e así como a programación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible