Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de setembro de 2026

A Coruña acolle a décimo quinta edición de Artes pola Integración, referente galego da creación inclusiva

O encontro ofrecerá danza, teatro, música, pensamento e creación comunitaria entre o 15 de setembro e o 25 de outubro

A Coruña volverá ser unha das sedes principais do XV Encontro Artes pola Integración, un festival pioneiro en Galicia que traballa pola inclusión social a través da creación artística. A iniciativa desenvolverase entre o 15 de setembro e o 25 de outubro e reunirá propostas de danza contemporánea, teatro, música, obradoiros, encontros profesionais e creación comunitaria en diferentes espazos da Coruña e Santiago de Compostela. 

Artes pola Integración consolidouse ao longo dos últimos anos como unha das principais plataformas galegas de visibilización do talento artístico de persoas e colectivos que habitualmente atopan maiores dificultades para acceder aos circuítos culturais. O proxecto mantén como obxectivo fundamental promover a participación cultural, favorecer a inclusión e impulsar procesos de transformación social a través das artes. 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia dunha iniciativa que "converte a cultura nunha ferramenta de inclusión, participación e igualdade de oportunidades". "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por programas que amplían o acceso á cultura e que permiten visibilizar proxectos artísticos de enorme valor humano e creativo", sinalou.

A Coruña terá un papel protagonista dentro da programación. O 18 de setembro, o Laboratorio Escénico acollerá a peza de danza contemporánea 'Antes de desaparecer', creada e interpretada por Julio César Iglesias e Carlota Pérez. A obra reflexiona sobre os procesos de transformación persoal e os límites da identidade a través do movemento e da creación escénica contemporánea. 

O 19 de setembro, a Fundación María José Jove será escenario da Asemblea Diversa, unha xornada de reflexión e intercambio de experiencias que reunirá figuras como Mercedes Peón, Natalia Balseiro, representantes do Festival Agrocuir, do Festival Visibles de Madrid e doutras iniciativas centradas na inclusión e a transformación social mediante a cultura. A xornada completarase co concerto de Flumen, unha banda formada por mozos e mozas da Ribeira Sacra e doutras zonas de Galicia que presentan composicións propias de rock e pop. 

A programación continuará o 20 de setembro no Centro Ágora, cunha dobre sesión formada pola peza de danza contemporánea 'De corpo e palabra', de ExperimentaDanza, e a representación teatral 'Eurolíder Feminista', de Palomica Lloca Producciones, unha sátira en clave de humor sobre a política, os medios de comunicación e os debates arredor do feminismo contemporáneo. 

O encontro prolongarase durante o mes de outubro con novas actividades na Coruña. O 24 de outubro, o Museo de Belas Artes acollerá unha mostra de creación desenvolvida por Su Garrido xunto ás persoas participantes nos seus obradoiros, seguida dunha nova actuación de Flumen. Finalmente, o 25 de outubro, o Fórum Metropolitano será escenario do Certame de Pezas Curtas para a Comunidade, unha convocatoria aberta dirixida a creadoras e creadores de teatro e danza con e sen diversidade funcional. 

Todas as actividades son gratuítas ata completar capacidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión