Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de maio de 2017

As cidades piden aumentar as achegas do Estado ao financiamento local e retirar as disposicións adicionais 27 e 35, que supoñen un grave ataque á autonomía municipal e á remunicipalización de servizos

A Coruña, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Valladolid e Terrassa unen a súa voz contra o ataque á autonomía municipal dos Orzamentos Xerais do Estado de 2017

Os Concellos denuncian que os Presupostos Xerais do Estado que propón o Goberno do PP supoñen un novo ataque aos municipios. Nunha Declaración municipalista conxunta defenden, por enriba das cores políticas, a democracia local

Os Concellos de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Valladolid, Terrassa e o da Coruña subscribiron unha declaración municipalista para denunciar as limitacións que o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017 supón á autonomía local e ao seu financiamento. Representantes municipais acudiron este mércores ao Congreso dos Deputados, en Madrid, para reclamar aos grupos parlamentarios que atendan as reivindicacións dos concellos no marco da tramitación parlamentaria dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017. Ao acto, no que estivo presidente o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asistiron Rita Maestre, portavoz do Concello de Madrid e o concelleiro de Economía e Facenda de Madrid, Carlos Sánchez Mato; o tenente de alcalde e alcalde en funcións do Concello de Barcelona, Gerardo Pisarello; o alcalde Zaragoza, Pedro Santisteve; o concelleiro de Goberno Interior de Valencia, Sergi Campillo, e o alcalde de Terrassa, Jordi Ballart.

"Os concellos temos grandes limitacións no cadro de persoal que dificultan a prestación dun servizo de calidade á cidadanía. Necesitamos plantillas adecuadas, polo tanto, o que pedimos é autonomía para, sen endebedarnos máis e sendo rigorosos no gasto público, poder decidir en que gastamos o diñeiro dos e das contribuíntes de cara a prestar mellores servizos", sinalou Ferreiro, e advertiu que co proxecto de Orzamentos "afógase aínda máis aos municipios". Do mesmo xeito, durante a comparecencia pública, Ferreiro aludiu ao "insuficiente financiamento para os municipios mentres o Estado pretende ingresar máis por tributos que xestionan os concellos". O rexedor coruñés aproveitou ademais a visita deste mércores ao Congreso para manter un breve encontro coa presidenta da Cámara e anterior ministra de Fomento, Ana Pastor.

Pola súa parte, Rita Maestre manifestou: "Vimos lembrarlle ao Goberno o artigo 140 da Constitución, que sanciona a autonomía local e por tanto as competencias e a lexitimidade dos municipios para regular a prestación dos seus servizos", indicando que "nos últimos anos os municipios ofrecen bos datos económicos e demostran que se pode xestionar de maneira honesta o diñeiro de todos e todas". Como subliñou a portavoz do Concello de Madrid, o proxecto de Orzamentos Xerais ataca esa capacidade de xestión e a propia autonomía local.

Os Orzamentos Xerais, en caso de aprobarse, "supoñen un recorte importante á achega financeira dos concellos, que compromete a súa capacidade para atender as capacidades básicas da cidadanía", explicou o alcalde accidental de Barcelona, Gerardo Pisarello. Ademais "os concellos somos as administracións que actuaron con maior solvencia, rigor e responsabilidade nestes anos e con todo seguimos sendo castigados cun teito de gasto que nos obriga a xerar superávit totalmente desproporcionados e que nos impide que este diñeiro vaia a parar á satisfacción das necesidades cidadás". Segundo sinalou, os municipios enfróntanse a "unha ameaza na eficacia dos servizos públicos porque non nos permiten reforzar algo tan elemental como os persoais municipais. "Mantéñense de maneira inxustificada as limitacións á taxa de reposición e ademais, pola porta de atrás, e con dúas disposicións adicionais, quérese   impedir que os concellos revertan procesos de privatización inxustos e ineficaces", dixo.

O alcalde de Zaragoza, Pedro Santisteve, pola súa banda, recalcou "as dificultades coas que nos atopamos os concellos para devolver á xestión pública os servizos que prestamos á cidadanía, en contraposición coa facilidade para a súa externalización. A norma debería ser o público e a excepción a súa privatización".

"En Tarrasa estamos inmersos nun proceso de remunicipalización do servizo público da auga", indicou o alcalde da localidade, Jordi Ballart, quen lembrou que a decisión democrática do Concello para recuperar eses servizo foi recorrida sen éxito nos tribunais por empresas privadas. "Estamos aquí porque non queremos que aquilo que non se gañou nos xulgados consígase no Congreso dos Deputados". As disposicións adicionais 27 e 35 incluídas no proxecto de Orzamentos supoñen na práctica un veto aos procesos de remuncipialización.  "Vivimos unha agresión constante fronte á nosa capacidade de xestionar e a nosa autonomía", asegurou o concelleiro valenciano Sergi Campillo. Trátase dun ataque ao interese xeral ao que os municipios están a facer fronte con redes de apoio. Campilló lembrou que "o Estado somos todos, tamén os concellos".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión