Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2026

A Coruña pon en valor a Rolda Peonil cun roteiro veciñal no marco da Semana Europea da Mobilidade

O percorrido atravesou Sagrada Familia, Os Mallos, Catro Camiños e Oza-A Gaiteira ata chegar á praza de Tabacos

O Concello da Coruña puxo hoxe en valor a Rolda Peonil cun roteiro veciñal organizado no marco da Semana Europea da Mobilidade, no que participou a alcaldesa, Inés Rey, xunto a representantes da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e das entidades dos barrios polos que transcorreu a actividade.

A marcha partiu ás 11.00 horas da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia e percorreu Sagrada Familia, Os Mallos, Catro Camiños e Oza-A Gaiteira ata chegar á praza de Tabacos, epicentro estes días da SEM 2026. Na organización participaron a Federación e as asociacións veciñais de Sagrada Familia, Mallos-Plataforma, Barcarola-Catro Camiños e Oza-Gaiteira-Os Castros.

A actividade serviu para coñecer sobre o terreo a Rolda Peonil, un itinerario de 3,5 quilómetros que conecta cinco barrios entre o parque de San Diego e a rúa Observatorio, facilitando os desprazamentos a pé entre diferentes zonas da cidade.

Durante a andaina, cada un dos barrios foi protagonista dunha parte do percorrido. As entidades veciñais organizaron xogos, explicacións e diferentes accións de dinamización e participación, co obxectivo de dar a coñecer o itinerario e os barrios polos que discorre.

As persoas participantes contaron ademais cun pasaporte do roteiro, que foron completando con pegatinas correspondentes aos catro barrios ao longo da andaina. A música estivo tamén presente da man da A.C. Donaire, que acompañou a comitiva durante o percorrido.

Rey puxo en valor a Rolda Peonil como unha actuación que permite "seguir conectando os barrios a pé, creando percorridos cómodos e seguros e recuperando espazo público para as persoas", e agradeceu especialmente a implicación da Federación e das asociacións veciñais na organización da actividade.

Ao remate do percorrido, sorteouse entre as persoas participantes un bono de 200 viaxes no autobús urbano, cortesía da Compañía de Tranvías da Coruña, e repartiuse avituallamento, cortesía de El Corte Inglés.

Mural colaborativo e contacontos á chegada a Tabacos

O roteiro rematou na praza de Tabacos, onde as persoas participantes contribuíron á elaboración dun mural colaborativo como peche da actividade.

A programación continuou co contacontos 'O mestre da mobilidade', unha proposta especialmente dirixida ao público familiar coa que achegar aos máis pequenos, dun xeito lúdico, a importancia dunha mobilidade máis sostible e segura.

As actividades forman parte da programación da Semana Europea da Mobilidade 2026, que continúa durante toda a fin de semana con propostas de mobilidade ciclista, patinaxe, cine e actividades para todos os públicos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión