Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2026

A Coruña presenta os resultados da Oficina Municipal de Vivenda con asesoramento gratuito a persoas arrendatarias

O servizo, situado no Paseo de Ronda, atende unha media de 20 consultas semanais, a maioría relacionadas coa zona de mercado residencial tensionado

O Concello da Coruña presentou este luns a Oficina Municipal de Vivenda, orientada a mellorar o acceso á vivenda e ofrecer asesoramento directo e gratuito á cidadanía. A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia do servizo, especialmente para as persoas arrendatarias.

O espazo, sito no Paseo de Ronda, 32, presta atención de luns a venres en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, tanto de maneira presencial como telefónica. A través deste servizo, a cidadanía pode resolver dúbidas sobre contratos de alugueiro, actualización de rendas, dereitos e obrigas, así como acceder a información sobre a normativa vixente.

Na actualidade, a Oficina de Vivenda atende unha media de 4 consultas diarias, o que supón arredor de 20 semanais. Segundo explicou a alcaldesa, "3 de cada 4 consultas teñen que ver coa zona de mercado residencial tensionado", o que evidencia o interese desta medida na cidade.  Neste sentido, o servizo "facilita información fiable e garante que a cidadanía dispoña dun asesoramento gratuíto en materia de vivenda", indicou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz. 

Xestión e ampliación do parque público

Durante a presentación, tamén se puxo en valor o papel da EMVSA na xestión do parque público de vivenda da cidade. Actualmente, o Concello conta con 410 vivendas municipais, ademais de locais, prazas de garaxe e trasteiros, das cales 49 están destinadas a fins sociais. A elevada ocupación deste parque, segundo indicou Rey, "evidencia a necesidade de seguir incrementando a oferta pública".

Neste marco, destacou o impulso a novas promocións, especialmente no ámbito de Xuxán, no Parque Ofimático, onde o Concello está a construír 50 novas vivendas públicas en alugueiro. "Esta actuación supón un dos principais incrementos do parque municipal nos últimos anos", sinalou.

Zona tensionada e regulación do mercado

A alcaldesa tamén fixo fincapé na importancia da declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado, que permite introducir medidas de control sobre os prezos do alugueiro. "Esta declaración permítenos limitar o prezo dos novos contratos e evitar subas desproporcionadas", explicou Rey, ao tempo que lembrou que os incrementos quedan restrinxidos a un máximo do 10% e só en casos xustificados e recollidos na propia Lei. O obxectivo destas medidas é, segundo indicou, "contribuír a un mercado máis equilibrado e, sobre todo, dar estabilidade ás persoas inquilinas".

Regulación das vivendas de uso turístico

A rexedora tamén destacou a posta en marcha da ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, aprobada en xuño de 2025, como medida complementaria para garantir o acceso á vivenda.

Segundo datos recentes, tras anos de forte crecemento -cun incremento do 65% entre 2022 e 2023-, rexístrase unha lixeira baixada do 2% entre 2024 e 2025. "É insuficiente, pero marca un cambio de tendencia", indicou Rey, que asegurou que o Concello continuará reforzando os mecanismos de control.

A actuación municipal en materia de vivenda articúlase así en tres eixos principais: asesoramento á cidadanía, xestión e ampliación do parque público e regulación do mercado do alugueiro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión