11 de xullo de 2023
A expedición do 2023, baixo o lema ‘Cara á luz do fin do mundo’, terá como punto final a Torre de Hércules
A Coruña pon o punto final a unha nova edición da Ruta Quetzal. A expedición, que este 2023 ten como eixe central o "finis terrae" co lema 'Cara á luz do fin do mundo', congrega a unhas 200 persoas procedentes de distintos lugares de España que durante dúas semanas percorreron o norte de Portugal e a Costa da Morte galega para chegar ata a cidade herculina.
Este mércores, 12 de xullo, a expedición alcanzará a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento e Patrimonio Mundial desde o 2009. O símbolo da Coruña formará parte tamén da Ruta Quetzal, aparecendo nas camisetas das persoas participantes desta edición cunha imaxe da Torre romana, unha da medieval e outra da actual.
Dous días para descubrir A Coruña
Durante a súa estadía na Coruña, o equipo da Ruta Quetzal poderá descubrir os mitos e lendas e o interior da Torre de Hércules, pasando pola súa escavación arqueolóxica e subindo os 234 chanzos que lles levarán ao balcón do faro, desde o que verán parte da cidade herculina e terán unhas vistas espectaculares do océano Atlántico.
Antes, o grupo poderá coñecer algúns dos museos científicos máis importantes da cidade, como a Domus, o primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente ao ser humano, ou o Aquarium Finisterrae, con catro salas de exposicións centradas na educación ambiental e a divulgación científica de temas mariños.
Ademais, as e os expedicionarios poderán coñecer a historia da cidade, antiga Brigantium, e algunhas das súas curiosidades, como a etapa coruñesa do pintor Pablo Picasso, recoñecido mundialmente e que comezou a súa carreira na Coruña. Este ano, a cidade súmase á Celebración Picasso co gallo do 50 aniversario do seu falecemento. A Torre de Hércules foi precisamente unha das paisaxes que inspiraron ao novo artista e unha das paradas da ruta picassiana da cidade, que lles levará tamén pola súa Casa Museo ou polo instituto onde comezou a pintar.
As e os integrantes da Ruta Quetzal poderán tamén coñecer durante a súa visita á Coruña a Real Expedición Filantrópica, que partiu en 1803 do porto coruñés para levar a Filipinas, China, Cantón e Macao a vacina da varíola e da cal este ano se conmemora o 220 aniversario.

18 de decembro de 2025

9 de decembro de 2025

5 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible