Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2025

A Coruña, recoñecida a nivel estatal pola súa innovación en seguridade escolar co proxecto “Aprende Seguro en Aulas Seguras”

O programa desenvolvido pola Policía Local da Coruña obtivo o galardón á innovación nos IV Premios Nacionais ás Boas Prácticas do Programa Marco Agente Tutor

 A Coruña vén de ser recoñecida a nivel estatal co Premio Nacional á Innovación nos IV Premios ás Boas Prácticas do Programa Marco Agente Tutor, entregados este martes, 17 de decembro, no Centro Cultural Casa de Vacas de Madrid. A cidade foi premiada na segunda categoría, correspondente á innovación, polo programa "Aprende Seguro en Aulas Seguras", impulsado desde a Unidade Agente Tutor da Policía Local, en coordinación con centros educativos da cidade.

Este recoñecemento supón unha distinción ao labor realizado no ámbito da seguridade e protección da infancia e adolescencia no entorno escolar, mediante accións formativas, intervencións de prevención de riscos e apoio psicosocial no marco dun modelo de policía de proximidade. O proxecto coruñés destacou polo seu enfoque integral e innovador na formación de docentes e alumnado sobre riscos relacionados co consumo de drogas, o acoso escolar, a ciberseguridade e a prevención da violencia.

A entrega dos premios estivo organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Plan Nacional sobre Drogas (PNSD) e a Asociación Nacional de Agentes Tutores (ANAT), nun acto no que participaron representantes das institucións premiadas e das forzas e corpos de seguridade de todo o Estado.

A través de programas como este, consolídase un modelo de intervención que sitúa á infancia e á mocidade no centro das políticas de seguridade pública e benestar social, coa implementación de iniciativas impulsadas dende o Goberno de Inés Rey, que avanzan cara a unha cidade máis segura, inclusiva e coidadora, tamén nas etapas educativas máis temperás.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, destacou que "este premio supón un respaldo ao traballo realizado polos e polas profesionais da Policía Local na súa labor educativa e preventiva. É unha mostra do valor que ten investir en programas que fomentan a confianza entre a mocidade e os corpos de seguridade, ofrecendo ferramentas reais para afrontar situacións de risco".

Desde o Concello sublíñase que este recoñecemento non só pon en valor o traballo policial, senón tamén a coordinación cos centros escolares, as familias e os servizos sociais, favorecendo unha intervención transversal que está a ter un impacto positivo nos centros educativos da cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión