21 de maio de 2026
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, visitaron as obras no bordo litoral da ría do Burgo, xunto á conxeladora coruñesa
A renovación progresiva da fachada marítima da Coruña no bordo da Pasaxe xa está un paso máis preto de se cumprir. Hoxe, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, visitaron as obras que se están a executar a carón da conxeladora, que permitirán a apertura dun novo treito de paseo marítimo de 470 metros.
Este novo espazo público no termo municipal coruñés -que estará conectado co paseo de Culleredo bordeando a ría do Burgo- contará cun percorrido peonil de tres metros de ancho e un carril bici, tamén das mesmas dimensións. Ambas as superficies terán pavimentos diferenciados e, ademais, as obras de mellora aparellarán a instalacións de infraestruturas de servizos máis modernas, con iluminación eficiente.
Os traballos, financiados polo Estado cun investimento superior aos 809.000 euros, marcan un avance substancial con vistas ao futuro desenvolvemento das conexións entre a cidade e a ría, un plan en que figura conectar a praia de Oza e o paseo do Burgo a través dunha senda litoral.
Neste sentido, José Manuel Lage puxo en valor os pasos executados polo Concello, coa colaboración do Goberno estatal, para lle abrir camiño a este novo percorrido peonil na Pasaxe, onde fai dous anos se desmantelou o antigo asentamento chabolista e "se realoxou en vivendas dignas a práctica totalidade das persoas que vivían na antiga conserveira", unha actuación especialmente sensible e complexa "na que se traballou de forma coordinada co Estado, o que tamén posibilitou o posterior saneamento do ámbito".
A renovación do bordo litoral, un obxectivo compartido
Na visita desta mañá á Pasaxe, Lage tamén fixo fincapé na importancia que tivo o dragado ambiental da ría do Burgo para rehabilitar e rexenerar as augas dun litoral compartido polos concellos da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros. Lage destacou a importancia dun investimento plantexado en clave metropolitana, non só na actuación ambiental, senón tamén pola unión dos paseos dos paseos dos municipios que comparten a ría. "A visión metropolitana é esencial para este Goberno porque os cidadáns non saben de fronteiras municipais", indicou o primeiro tenente de alcaldesa, que recordou tamén que o dragado e descontaminación da ría era unha promesa desde hai 20 anos pero que non se executou ata a chegada de Inés Rey á alcaldía.
"Era unha demanda histórica e tamén unha medida fundamental para recuperar un espazo paisaxístico único que nos conecta e que cómpre pór en valor", expresou Lage, que subliñou a implicación do Estado para executar os traballos de dragado, que tiveron lugar entre finais de 2021 e abril de 2024. Lage enmarcou tamén a actuación que está a realizar Costas dentro dos plans de rexeneración previstos polo Concello para o bordo litoral situado entre As Xubias e A Pasaxe.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible