Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xullo de 2026

A Domus presenta cinco novos módulos sobre Intelixencia Artificial, con xogos interactivos

A iniciativa conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

A Intelixencia Artificial chega á Domus para complementar os contidos expositivos do museo e ofrecer unha experiencia interactiva enriquecida, que invita o público a coñecer o ser humano desde novas perspectivas.

A iniciativa, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) -entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, presenta cinco xogos interactivos para explorar a IA, tanto nas súas aplicacións en ámbitos como a arte ou a bioloxía como na forma en que realiza a aprendizaxe.

No módulo titulado «Historia da IA», o público pode mover un cursor nunha pantalla táctil para realizar unha viaxe polos fitos máis importantes da historia da Intelixencia Artificial. A través dunha liña do tempo visual e lúdica, pódese coñecer como chegamos ata aquí e como a IA transformou a nosa forma de vivir, traballar, aprender e comunicarnos.

O módulo «Emocionarte» invita a seleccionar tres emocións que representen o estado de ánimo que cada persoa poida sentir e ver como un modelo de IA xenerativa as transforma nunha obra de arte abstracta. Outro dos módulos é «Deseña unha proteína», un xogo arcade para aprender como a IA axuda nos laboratorios para deseñar novas proteínas que poden contribuír á investigación.

No módulo titulado «O espello es ti», proponse converter a silueta propia nun lenzo sobre o que explorar a identidade doutros tempos e culturas coas súas indumentarias tradicionais. En «Redes en xogo» invítase a explorar as diferenzas entre a forma en que o cerebro humano e unha rede neural artificial aprenden a recoñecer patróns para interpretar a realidade.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor estas novidades divulgativas que incorpora a Domus, "un motor de difusión científica e coñecemento que sempre está na vangarda, neste caso visibilizando o impacto positivo que pode ter a Intelixencia Artificial no conxunto da sociedade, regulada e ben aplicada".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión