Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de maio de 2024

A estadounidense Rita Dove, gañadora dun Pulitzer de poesía, protagoniza este luns a nova sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, no Ágora

Dove, que foi editora da sección de poesía no The New York Times Magazine, estará acompañada por unha das figuras máis internacionais da literatura galega, o vigués Alberto Avendaño

O vindeiro luns 27, ás 20.00 horas, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora poderase gozar do ciclo de poesía Poetas Di(n)versos, unha iniciativa organizada polo Concello da Coruña e dirixida pola poeta e Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, e que chega este ano á súa XV edición.

Nesta ocasión, Castaño presentará un recital no que se mesturarán as obras poéticas da estadounidense Rita Dove (Akron, 1952), gañadora dun premio Pulitzer de poesía, coas pezas dunha das figuras máis internacionais da literatura galega, Alberto Avendaño (Vigo, 1957).

Dove recibiu o Pulitzer polo seu terceiro poemario, Thomas and Beulah, en 1987, e entre os anos 1993 e 1995 foi Poeta Laureada dos Estados Unidos. Entre as súas obras máis destacadas está a novela Through the Ivory Gate -"A través da porta de marfil"- (1992), Sonata Mulattica (2009), Collected Poems 1974-2004 -"Poesía reunida 1974-2004"- (2016) e Playlist for the Apocalypse -"Cancións para a Apocalipse"- (2021). Ademais, foi columnista en medios tradicionais como The Washington Post e editora da sección de poesía no The New York Times Magazine.

Na sesión do luns, Dove estará acompañada por Alberto Avendaño, poeta, narrador, tradutor e xornalista que comezou a súa carreira licenciándose en Filoloxía Xermánica na Universidade de Santiago de Compostela. No Vigo da transición democrática fundou, xunto con Antón Reixa, Manolo Romón e Alfonso Pexegueiro, o grupo de comunicación poética Rompente, expresión máxima da vangarda poética daqueles anos.

Xa en Estados Unidos, e licenciado en Xornalismo pola Texas Tech University, dirixiu as operacións xornalísticas en español de The Washington Post, mais sen deixar de lado a literatura, como demostran títulos coma Texas (2003).

Alberto Avendaño conta con numerosos premios, entre os que destacan o Latino Book Award (2016), o Premio Juan Felipe Herrera (2021), dous Premios de Vapor e tres premios Emmy da Academia da TV estadounidense.

A última quenda da XV edición de Poetas Di(n)versos, o 10 de xuño

A XV edición do ciclo Poetas Di(n)versos concluirá coa participación de Andrea Cote e Lorena Conde, colombiana e pontevedresa, respectivamente, que chegarán ao Ágora o luns 10 de xuño para resignificar dende o corpo ata os espazos con toda a sutileza.

Todos os recitais terán lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora ás 20.00 horas, con entrada de balde ate completar capacidade. Retransmitiranse por streaming, editarase un folleto coleccionable sobre a obra dos autores e autoras e unha libraría de proximidade ofrecerá a posibilidade de adquirir os seus libros cunha sinatura orixinal estampada.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión