15 de febreiro de 2026
O evento celebrarase no Ágora e servirá para presentar a nova tempada das carreiras populares da cidade
O Concello da Coruña celebrará o vindeiro 20 de febreiro a Gala Coruña Corre 2026, unha cita xa consolidada no calendario deportivo municipal que reunirá no Centro Sociocultural Ágora a participantes, clubs, entidades colaboradoras e familias do circuíto.
A gala converterase, un ano máis, no punto de encontro da gran comunidade Coruña Corre, nun acto que combinará recoñecementos, espectáculo e novidades nun formato pensado para todos os públicos.
A gala estará conducida por Xalo Maira, speaker oficial do circuíto e un dos rostros máis recoñecibles de #CoruñaCorre desde hai máis dunha década. Moi querido polas persoas participantes, é quen pon voz ás saídas, ás chegadas a meta e ás entrevistas coas e cos gañadores en cada proba, converténdose nunha peza esencial do ambiente festivo e familiar que caracteriza ao circuíto.
Durante a tarde entregaranse os premios ás e aos gañadores das distintas categorías do circuíto, así como distincións ás persoas participantes máis fieis, poñendo en valor o compromiso, a constancia e o espírito de superación que caracterizan a este programa deportivo municipal.
Nesta edición, o Concello prepara unha gala especialmente dinámica e participativa, cun formato renovado e con propostas escénicas innovadoras que sorprenderán ás persoas asistentes, en especial á rapazada. Será unha cita emotiva, divertida e pensada para desfrutar en familia, reforzando o carácter inclusivo dun circuíto que medra cada ano en participación.
O inicio dunha nova tempada
A gala servirá tamén para presentar a nova edición do circuíto, que dará comezo o 14 de marzo coa tradicional Carreira Popular Torre de Hércules, proba que, como cada ano, renderá homenaxe ao 8M, Día Internacional das Mulleres, integrando deporte e igualdade nunha mesma celebración.
O circuíto Coruña Corre continúa consolidándose como unha das grandes citas do deporte popular en Galicia, integrando os barrios da cidade na programación deportiva municipal e fomentando hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades.

15 de febreiro de 2026

11 de febreiro de 2026

10 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible