Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2026

A I Copa de Escalada de Promoción 2026 chega este sábado ao Rocódromo Municipal de Riazor

A cita, na modalidade de bloque, reunirá a mozos e mozas de entre 9 e 16 anos nunha xornada con entrada libre e gratuíta

O Rocódromo Municipal de Riazor acollerá este sábado 7 de marzo a I Copa de Escalada de Promoción 2026, unha cita destinada a impulsar a práctica da escalada entre a mocidade e achegar aos máis novos e novas ao formato de competición.

A proba disputarase na modalidade de bloque, unha especialidade que se desenvolve nun muro de baixa altura, sen corda e con colchonetas de seguridade. Neste tipo de competición valóranse os intentos realizados, as zonas acadadas e os tops, que marcan a finalización de cada bloque.

A competición está dirixida a categorías base, con participantes de 9 a 16 anos non tecnificados, e ten como principais obxectivos promover a escalada, fomentar os valores do deporte e facilitar o acceso da mocidade ao ámbito competitivo.

Esta primeira proba formará parte dun circuíto de catro copas que se celebrarán nos próximos meses en distintas modalidades. En cada unha delas, os e as participantes irán sumando puntos, premiando así a regularidade e a constancia ao longo da tempada.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de seguir promovendo o deporte base e de dar visibilidade a disciplinas en crecemento entre a mocidade. "Esta competición é unha excelente oportunidade para que as rapazas e rapaces se acheguen á escalada, gocen do deporte nun contorno seguro e compartan unha xornada de convivencia nunha instalación municipal de referencia como é o rocódromo de Riazor", sinalou.

A xornada comezará desde primeira hora da mañá. Segundo o horario previsto, a recepción de participantes arrancará ás 8.15 horas coas categorías U15 e U17 masculino, mentres que ao longo da mañá celebraranse tamén as clasificatorias de U15 e U17 feminino, así como as probas de U11, U13 e paraescalada. Ás 14.30 horas terá lugar unha primeira entrega de trofeos para U11 e paraescalada.

Xa pola tarde, desde as 15.15 horas, levarase a cabo o illamento das persoas finalistas das categorías U13, U15 e U17, seguido das finais correspondentes. A xornada concluirá coa entrega final de trofeos ás 20.15 horas.

A competición conta coa colaboración do Concello da Coruña e está organizada polo AMI en colaboración coa Federación Galega de Montañismo, co apoio da Deputación da Coruña e da administración autonómica.

O evento contará con entrada libre e gratuíta, polo que calquera persoa interesada poderá achegarse ao Rocódromo Municipal de Riazor para desfrutar da escalada e animar aos e ás mozas deportistas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión