14 de novembro de 2023
O Concello da Coruña é, actualmente, o maior coleccionista de obras deste autor galego, formado na Universidade de Yale e no San Francisco Art Institute
A exposición, que se poderá ver na sede do Instituto Cervantes na cidade estadounidense, recolle unha célebre serie de carteis de rock psicodélico creados nos anos 60 por Moscoso, nado en Vilaboa e criado en América
A partir do día 7 de decembro, a mostra 'Moscoso Cosmos: O universo visual de Víctor Moscoso', producida pola Fundación Luís Seoane co apoio do Concello, poderase ver na sede do Instituto Cervantes de Nova York.
A exposición, inaugurada en abril de 2021 na propia Fundación Luís Seoane, recolle unha famosa serie de carteis de rock psicodélico realizados entre os anos 1966 e 1967 polo artista galego, nacido en 1936 na localidade coruñesa de Vilaboa e que, sendo moi pequeno, na década dos 40, emigrou aos Estados Unidos coa súa familia.
Moscoso, considerado como un dos deseñadores gráficos máis orixinais e influentes do século XX, formouse na Universidade de Yale con mestres como Josef Albers, antigo profesor da Bauhaus. Xa no San Francisco Art Institute, Moscoso amosou o seu talento desenvolvendo ideas propias no eido do deseño gráfico, que tiveron unha gran recepción na escena musical e underground de San Francisco nos anos 60.
A Coruña, punto de partida dunha mostra que agora viaxa a América
Hai tres anos, a apertura da exposición 'Moscoso Cosmos: O universo visual de Víctor Moscoso' na Fundación Luís Seoane supuxo a primeira estadía da obra de Moscoso no continente europeo. Neste sentido, A Coruña foi o punto de partida dunha mostra itinerante que viaxou, posteriormente, ao MUSAC de León e ao Centro Niemeyer de Avilés.
Agora, e grazas ao Instituto Cervantes, o público americano poderá gozar da maior retrospectiva realizada ata o momento sobre un dos grandes deseñadores da psicodelia nos Estados Unidos, cuxa obra forma parte da colección do MoMA de Nova York.
Ademais dos carteis, a exposicion inclúe cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas provenientes de fondos privados e do Concello da Coruña, que na actualidade é o maior coleccionista de obras do autor galego.
En paralelo á mostra, a Fundación Luís Seoane publicou un catálogo en galego, castelán e inglés cun amplo e exhaustivo ensaio sobre a obra de Victor Moscoso froito dunha serie de conversas entre o artista e o deseñador coruñés David Carballal, comisario da exposición e responsable da edición, xunto cun texto de Steven Heller, director de arte do New York Times durante tres décadas.
'Moscoso Cosmos' poderá visitarse na sede do Instituto Cervantes de Nova York de decembro deste ano a febreiro de 2024; e nas de Chicago e na dos Ánxeles a comezos de 2024 e en xuño dese mesmo ano respectivamente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible