1 de setembro de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou hoxe que este proxecto é “un bo exemplo da aposta deste Goberno por reforzar servizos esenciais”
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe, xunto ao concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, as novas instalacións da Escola Infantil Municipal de Monte Alto, que estrea este curso novo inmoble xunto ao novo mercado municipal do barrio. Un centro que achega este ano novas prazas á oferta total das Escolas Infantís Municipais. Esta tarde na visita participaron familias cos nenos e nenas, que puideron coñecer a nova escola antes do inicio do curso este venres. Posteriormente, o cantante Félix Arias ofreceu unha actuación aos asistentes.
"Esta nova escola supón unha mellora enorme na nosa rede municipal. Desde o Concello cremos unha tarefa fundamental ofrecerlle ás familias coruñesas un servizo de educación infantil que sexa público, gratuíto e de calidade, adaptado ás necesidades particulares dos nenos e nenas e que ofreza uns equipamentos de primeiro nivel para que o alumnado poida desenvolverse nunha etapa crucial da infancia", subliñou Inés Rey.
A creación deste novo espazo para a escola municipal chegou como parte do proxecto de construción do novo mercado municipal e da humanización da súa contorna, e supón unha ampliación e modernización do equipamento, incluíndo un patio exterior, unha rampla accesible, ademais de dependencias totalmente equipadas (novas aulas, a sala de usos múltiples, a sala de xuntas, os despachos ou os novos aseos). O novo edificio é, en definitiva, un recinto máis luminoso e diáfano, con 400 metros cadrados de superficie útil que duplica o espazo da anterior instalación.
O último paso na habilitación da nova escola foi a adquisición do mobiliario e os novos equipamentos necesarios para o uso diario da escola, que xa está completamente equipada para o inicio do curso.
"Os nenos e nenas por fin van poder gozar deste proxecto que formulamos como un dos eixes no reforzo que este Goberno municipal está a levar a cabo no servizo de Escolas Infantís Municipais. Ofrecendo o maior número de prazas posible e garantindo, ao mesmo tempo, unhas prestacións á altura das expectativas das familias", engadiu Inés Rey. A nova escola de Monte Alto é "un bo exemplo da aposta deste Goberno por reforzar servizos esenciais", indicou a alcaldesa.
O Concello ofreceu este ano un total de 412 prazas para o alumnado dos tres cursos. En total, contando as prazas adxudicadas no novo curso e as que xa estaban ocupadas, son case 500 nenos e nenas matriculados, máis os que serán relocalizados desde a lista de agarda nos centros con vacantes.
A principal novidade das bases de admisión nas EIM deste ano é a supresión das convocatorias extraordinarias. A partir deste curso, o Concello xestionará ata finais de ano unha listaxe de agarda única para o conxunto da rede das EIM, o que facilitará a oferta de prazas nas escolas a medida que queden dispoñibles e axilizará así o acceso directo ás familias demandantes, sempre que haxa vacantes nalgunha das oito escolas. Isto supón un cambio substancial na forma de proceder neste sentido, xa que, ata agora, a listaxe de agarda era por escola infantil.
Servizo das EIM
No mes de agosto, o Concello xa anunciou en Xunta de Goberno Local a adxudicación da xestión dos centros das Escolas Infantís Municipais, cun investimento total de 3,2 millóns de euros. Esta contratación busca ampliar servizos e mellorar a comodidade tanto das familias como dos nenos e nenas, garantindo ao mesmo tempo unhas condicións laborais dignas para todo o persoal das escolas -e mantendo subrogados aos actuais cadros de traballadores e traballadoras-. O Goberno local da Coruña foi pioneiro en Galicia en promover este servizo gratuíto para a cidadanía.
Entidades

2 de setembro de 2026

3 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible