Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xaneiro de 2026

A OSG contará este ano co seu maior orzamento, case 11.3 millóns de euros

A alcaldesa, Inés Rey, recordou que o Concello segue a ser, con 4 millóns de euros, o principal financiador da sinfónica. Ademais, a Escola Municipal de Música contará cun orzamento para este ano de 650.000 euros

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Juan Antonio Cuéllar, presentou hoxe os detalles do novo orzamento para o 2026 da institución que xestiona a OSG. A rexedora tamén estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. As contas do 2026 foron aprobadas esta mañá na Xunta de goberno da entidade, que preside a alcaldesa. O consorcio contará este ano cos orzamentos máis elevados da súa historia, cun monto total inicial de case 11,3 millóns de euros, o que supón un incremento de 379.360 euros respecto ao ano anterior. Desta cantidade, 4 millóns serán achegados polo Concello, que se consolida como o seu principal apoio financeiro. O resto sairá de achegas da Xunta e da Deputación. 

Ademais, no 2026 intensificarase substancialmente a oferta e variedade cultural da Orquestra Sinfónica de Galicia, que ofrecerá 32 concertos para persoas abonadas no Palacio da Ópera (21 en venres e 11 en sábado) ao longo de máis de 46 semanas de actividade. Tamén hai programados 16 concertos noutros concellos de Galicia (incluíndo Vigo, Santiago e Ferrol) máis dous concertos en Bilbao e sete en Inglaterra, na que será a primeira xira da Orquestra polo Reino Unido. 

"Ningunha cidade do noso tamaño ten unha orquestra sinfónica, e menos aínda da calidade da nosa, unha formación cunha proxección internacional da que podemos desfrutar os coruñeses e coruñesas todas as fins de semana, algo que só acontece en Europa nas grandes capitais. Nisto tamén, queda claro, somos unha gran capital.", sinalou Inés Rey.

Para a presente tempada tamén está prevista a estrea da ópera "Lúa", de Fernando Briones, un programa con música orixinal de Disney, varias iniciativas para o alumnado de primaria e o I Festival Internacional de Música para Cinema, con catro concertos monográficos dedicados a compositores contemporáneos. 

O Consorcio tamén aprobou hoxe o orzamento da Escola Municipal de Música, que terá unha dotación de 650.000 euros achegados polo Concello, tal e como se acordou no convenio de cooperación horizontal asinado. 

Ademais, hoxe aprobouse tamén o nomeamento de José Luis Méndez Romeu como representante da Asociación de Amigos da Ópera na xunta de goberno do Consorcio.

As contas presentadas este ano polo Consorcio para a Promoción da Música constatan que a entidade deixa atrás as tensións financeiras. O 2025 pechouse cunhas contas equilibradas, e para o ano 2026 inclúese unha mellora nas retribucións do persoal  traballador.

Inés Rey celebrou a boa saúde da institución e destacou o seu papel na dinamización cultural da cidade. "O compromiso deste goberno co Consorcio para a Promoción da Música é total. Por iso non dubidamos en implicarnos aínda máis para que siga funcionando como ata agora, e mesmo mellor. Temos, e isto hai que dicilo máis, unha das mellores orquestras sinfónicas de Europa, fogar de profesionais de categoría mundial. Faremos todo o que estea na nosa man para que así siga sendo", apuntou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión