8 de novembro de 2015
“Unha ampliación da avenida sería o golpe definitivo contra a integridade do núcleo de Elviña”, recorda o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela
A proposta do Concello da Coruña para “humanizar” a Avenida da Vedra ten unha serie de vantaxes con respecto ao proxecto inicial do Ministerio de Fomento, que aposta por unha ampliación de carrís. Ademais de plantexar unha vía en liña coas cidades máis avanzadas de Europa e que potencia tanto o transporte público como outras formas de mobilidade, máis alá dos vehículos, o plan do Goberno local “reduce considerablemente a contaminación acústica e atmosférica da zona, gracias ao axardinado da mediana e á inclusión de bulevares laterais”. Así o destaca o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que explica que “nos estudos previos ao PXOM hai unha serie de planos moi chamativos que nos din que a zona entre o nudo da AP-9 ata Ponte da Pedra é a zona con maior contaminación acústica de toda a área metropolitana”. “A proposta inicial de Fomento o que vai facer é empeorar esta situación, e entendemos que a proliferación da contaminación non é un problema menor, sobre todo tendo en conta que para nós esta é unha zona urbana, que podería seguir crecendo --por exemplo todo o sector de Monte Mero, enriba do Ofimático, é urbanizable--”, comentou o edil. “Se o plantexamento de Fomento vai adiante nos termos actuais, xeraría unhas consecuencias moi difíciles de desfacer”, apunta Varela.
Por outro lado, a proposta do Concello da Coruña para a “humanización” da avenida defende “a posta en valor dos núcleos históricos da zona”. “O núcleo de Elviña leva anos ninguneado, e parécenos unha oportunidade moi interesante para a cidade:recuperalo e poñelo en valor, case como unha zona de esparcemento, mantendo sempre os dereitos dos veciños e veciñas que viven alí”, insistiu o concelleiro de Rexeneración Urbana. “Unha ampliación da avenida sería o golpe definitivo contra a integridade do núcleo de Elviña”, indicou, á vez que recordou que “Alfonso Molina pasa a escasos metros dun complexo --o da igrexa e o cemiterio do núcleo histórico--que chegou a ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e ao que se lle rebaixou o nivel de protección a Monumental, para poder actuar na zona. Nós opinamos que o patrimonio hai que respectalo e poñelo en valor”.
Todas estas, e outras consideracións, serán tidas moi en conta polos técnicos municipais que participarán no equipo de traballo, conformado tamén por representantes homólogos do Ministerio de Fomento, que definirá o proxecto de remodelación da Vedra, segundo acordaron esta semana o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a ministra Ana Pastor.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible