Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2026

A Torre de Hércules despide o verán cunha fin de semana de recreación histórica, teatro e divulgación

O Concello programa os días 5 e 6 de setembro actividades gratuítas para achegar ao público diferentes etapas da historia da Torre e da súa contorna

A contorna da Torre de Hércules acollerá esta fin de semana, os días 5 e 6 de setembro, unha programación especial de actividades culturais e divulgativas coa que o Concello despedirá o verán. As propostas incluirán recreacións históricas, obradoiros, representacións teatrais e actividades para todos os públicos, cun percorrido por diferentes épocas históricas.

O sábado 5 terá un protagonismo especial o pasado romano da cidade coa celebración de Ave Crunia, unha xornada de recreación histórica na que participarán as asociacións Royal Green Jackets e Gallaecia Viva. As actividades desenvolveranse en horario de 11.30 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

Royal Green Jackets participará cunha ducia de recreadores e recreadoras e instalará un campamento militar romano no que se desenvolverán diversas propostas divulgativas. Entre elas estará a actividade Escola de pequenos lexionarios, ademais de rondas de lexionarios, un fotocol e a dramatización da escolta dun senador e do apresamento dun prisioneiro castrexo.

Pola súa banda, Gallaecia Viva contará coa participación de 22 recreadores e recreadoras e centrará as súas propostas no mundo civil romano. Instalará unha pérgola a modo de tabernae e ofrecerá actividades arredor da vida cotiá en Roma, con pequenas teatralizacións, obradoiros de xogos romanos e outras propostas de divulgación cultural. A programación completarase con loitas de gladiadores, recreacións de cerimonias relixiosas e desfiles civís.

A programación de Ave Crunia incluirá tamén demostracións e actividades didácticas sobre a escola grecolatina, a fragua histórica, a cociña romana ou o tear vertical, ademais de exhibicións de panoplia militar romana, microteatro e unha proposta divulgativa arredor da pompa gladiatoria e a gladiatura.

Teatro ao pé da Torre

O teatro será outro dos eixos da programación do sábado. Ás 17.00 horas, Noite Bohemia ofrecerá unha ruta teatralizada pola rampla da Torre de Hércules que permitirá percorrer a historia do monumento desde a época romana ata o século XXI a través de diferentes personaxes.

Xa ás 21.00 horas representarase ao pé da Torre Edipo rei, de Sófocles, nunha adaptación de Noite Bohemia. A montaxe foi recoñecida co segundo premio de traxedia grega no XVII Concurso Nacional de Teatro Grecolatino de Mérida e obtivo sete candidaturas nos XI Premios Escenamateur Juan Mayorga das Artes Escénicas.

Os Terzos de Flandres, protagonistas o domingo

A programación continuará o domingo 6 de setembro, entre as 11.30 e as 14.00 horas, cunha nova proposta de recreación histórica a cargo de Royal Green Jackets.

Nesta ocasión, a actividade trasladará o público ao Século de Ouro e aos Terzos de Flandres, cun campamento histórico e recreadores caracterizados cos uniformes propios da época. A iniciativa permitirá achegarse dun xeito didáctico á organización, indumentaria e vida militar deste período histórico.

Con esta programación, o Goberno local continúa a impulsar a contorna da Torre de Hércules como espazo para a cultura e a divulgación, ofrecendo á cidadanía propostas que combinan patrimonio, historia e lecer nun dos enclaves máis emblemáticos da Coruña.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión