20 de xuño de 2026
O concelleiro José Manuel Lage informou hoxe da sentenza firme que avala a xestión municipal para recuperar fondos non percibidos desde o ano 2011
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 da Coruña vén de declarar a firmeza da sentenza que invalida o recurso presentado polo PP contra o acordo que permitiu ao Concello recuperar máis de 8 millóns de euros derivados dos sobrecustos detectados na xestión dos residuos de Nostián entre os anos 2011 e 2018.
Na práctica, a firmeza do auto xudicial desbota de forma definitiva a demanda presentada polo PP que solicitou a anulación do acordo transaccional acadado con Albada -concesionaria da planta de tratamento- no primeiro trimestre do ano pasado.
Agora, a Xustiza non só desestimou a demanda do PP, senón que ratificou a legalidade dun acordo que permitirá ao Goberno de Inés Rey devolver ás arcas municipais un importe superior aos 8 millóns, "fondos públicos que os gobernos desde o ano 2011 non reclamaron", dixo Lage.
O edil lembrou que, "entre os anos 2011 e 2015, cando gobernaba o PP, non se deron os pasos precisos para recuperar os sobrecustos de Nostián. Foi o Goberno de Inés Rey o que acadou un acordo refrendado polo xulgado para facilitar ao Concello o ingreso de máis de 8 millóns de euros. O PP denunciou dito acordo, mais a xustiza desbotou en maio a denuncia confirmando que o Concello actuou en defensa do interese público e facilitando que a cidade perciba 8 millóns de euros que poderá empregar en investimentos e servizos públicos".
Hoxe, Lage fixo fincapé no traballo de fondo que permitiu, xa neste mandato, acordar a cifra a reintegrar ao Concello polos sobrecustos de xestión entre o 2011 e o 2018. Foi neste mandato -concretamente, en novembro do 2023- cando se iniciou o procedemento para reclamarlle á concesionaria os importes correspondentes a aquel período de oito anos, contía que foi asumida entón polo Concello pese a que, como sentenciou posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza, os custos de tratamento dos residuos rexeitados tiñan que ser asumidos pola empresa que xestiona Nostián.
"O auto que declara a firmeza da sentenza é o terceiro aval xudicial á xestión municipal neste asunto. Malia os atrancos do PP, a cidade poderá finalmente recuperar os fondos pendentes e invertilos nos barrios", indicou Lage.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible