22 de xuño de 2023
As persoas interesadas poderán participar nas quendas do mes de xullo e setembro, nas que se ofertan máis de 900 prazas
O Concello da Coruña ofrece novas actividades acuáticas na piscina municipal de Riazor para os meses de xullo e setembro deste 2023. O período de matrícula para a primeira das quendas, a do mes de xullo, estará aberto ata o 7 de xullo. O da segunda, no mes de setembro, estará dispoñible ata o 31 de agosto.
A oferta consta de sete cursos por mes en función da franxa de idade das persoas participantes: de 6 a 8 anos, de 9 a 11 anos, de 12 a 17 anos, máis de 18 anos, máis de 60 anos, prenatal e recuperación funcional para adultos. En total, ofértanse 478 prazas cada un dos dous meses.
As persoas interesadas deberán cubrir a folla de matrícula que se atopa na páxina web da Concellaría de Deportes. Deberán comprobar se cumpren os requisitos para os cursos de perfeccionamento, así como para recuperación funcional e natación prenatal, para os que será necesario ser capaz de nadar 25 metros sen tocar fondo nin utilizar medios auxiliares fixos ou móbiles. Para os cursos de máis de 18 anos é requisito nadar 100 metros empregando dous estilos diferentes.
Para matricularse haberá que cubrir a folla de inscrición co código do curso no que se está interesado e presentar a documentación nos rexistros municipais do Servizo Municipal de Deportes situados na Cidade Deportiva da Torre, Palacio dos Deportes de Riazor e Polideportivo do Barrio das Flores, en horario de luns a venres de 08.00 a 13.30 horas, excepto a semana do 7 ao 11 de agosto, que será de 08.00 a 12.30 horas. Haberá que solicitar cita previa na seguinte ligazón.
Está previsto que os cursos comecen o 3 de xullo e o 1 de setembro. Haberá tres modalidades, de dous, tres e cinco días á semana, e as taxas para cada unha delas tamén se poden consultar na páxina web da Concellaría de Deportes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible