2 de outubro de 2023
Ademais, e tamén este luns, inaugurouse unha liña do tempo que conecta os principais fitos históricos da ETSAC, a cidade da Coruña e tamén acontecementos a nivel global, desde o ano 1973 ata a actualidade
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, participou este luns no acto de apertura da mostra '50 imaxes e algúns planos', unha proposta artística que acolle desde hoxe a Fundación Luís Seoane e dá continuidade á programación da Semana da Arquitectura 2023.
A posta en marcha da exposición, organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña co apoio do Concello, tivo lugar este luns ás 19.30 horas, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Arquitectura. A mostra inclúe medio cento de imaxes, obra do fotógrafo Juan Rodríguez, que recollen as inauguracións de diversos edificios emblemáticos da cidade, como o Museo de Belas Artes, entre o ano 1973 e o actual.
A mostra está aberta á cidadanía desde hoxe. Tamén se poderá disfrutar, ademais, dunha colección de 50 planos correspondentes a proxectos arquitectónicos desenvoltos polo persoal docente da ETSAC.
No acto de presentación da mostra, ademais do concelleiro Francisco Díaz Gallego, participaron o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), Plácido Lizancos, e a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira.Unha liña do tempo que conecta a ETSAC cos fitos da cidade e o mundo
Ademais da mostra '50 imaxes e algúns planos', este luns tamén se abriu ao público unha liña do tempo de dez metros de percorrido, que achega a historia da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) desde a súa fundación, hai medio século.
En clave gráfica, esta liña do tempo conecta, de forma transversal, os principais fitos da ETSAC coas grandes efemérides da cidade da Coruña, así como acontecementos que tiveron relevancia a nivel global desde o ano 1973 ata a actualidade.
Aínda hai prazas dispoñibles para as visitas guiadas desta semana
Durante esta Semana da Arquitectura 2023, o Concello, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), está a promover visitas guiadas a edificios emblemáticos da cidade. Por exemplo, ás instalacións da ETSAC e, noutros casos, inmobles remodelados ou rehabilitados recentemente.
No caso da visita guiada ao edificio do Banco Pastor, que terá lugar este xoves 5 de outubro, a cota de prazas xa está cuberta. Para as demais visitas, cun tope de 25 prazas por quenda, será preciso tramitar a inscrición remitindo a solicitude ao enderezo electrónico semanadaarquitectura2023@coruna.gal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible