15 de setembro de 2016
No seu balance, o concelleiro de Emprego e Economía Social marca como obxectivos “ampliar a competencia interna do aeroporto, a través de novas aeroliñas que operen alí, e procurar algún novo destino internacional”, ademais de reforzar a conexión con Barcelona, “un destino que nos permite medrar”
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, avanzou este xoves que as previsións municipais no ámbito aeroportuario pasan por que o aeroporto de Alvedro acabe o ano mellorando as cifras de pasaxes do anterior, "e todo iso, a pesar da alta taxa de desvíos que se produciu neste exercicio". "O balance que levamos indícanos que poderiamos rematar 2016 superando o millón de pasaxeiros e pasaxeiras, a cifra que a principios de ano nos marcamos como obxectivo", sinalou o responsable municipal, presidente do Consorcio de Turismo. "Acadar este resultado sería moi positivo, xa que aumentariamos o número de pasaxes nun 5% con respecto ao 2015, cun custe 1,6 millóns de euros máis baixo do que había comprometido para ese ano", incidiu. "Estamos medrando, e o facemos cun custe para o Concello, e por tanto para a cidadanía, casi un 50% menor do que pagabamos", indicou o edil, que estabelece como reto "ampliar a competencia interna de Alvedro, a través de novas aeroliñas que operen alí, e procurar algún novo destino internacional". Non obstante, ao fío, volveu reclamar ao Ministerio de Fomento "as melloras comprometidas na cabeceira sur do aeroporto, que nunca acaban de suceder". "A falla dunha infraestrutura adecuada supón un custe moi importante para a cidade, que se ten que enfrontar a unha taxa de desvíos moi elevada, e ten que ser subsanada".
Na súa análise, o concelleiro salientou o "moi bo comportamento" da conexión con Valencia, "a novidade deste ano" e que, como indicou, vaise asentando ata achegarse, este mes de agosto, ao 80% da ocupación, "unhas cifras realmente boas para un destino novidoso", tendo en conta ademais a súa situación na parrilla, os martes e sábados, "que non son as mellores posibilidades para ter situado un destino". Na mesma liña, Lema destacou o bo funcionamento do enlace con Sevilla, "despois do esforzo promocional que fixemos na cidade, e do que vimos o resultado", e do que sinalou que, con cinco frecuencias semanais, aínda ten capacidade de medrar. "A Coruña está ben posicionada como destino no sur, temos bastante tráfico de turistas desa zona", expuxo. Tamén salientou o peso da conexión con Madrid, que move entre o 40 e o 50% de pasaxeiros e pasaxeiras de Alvedro, e que conta "cunha ocupación moi boa pese a súa alta rotación" e, do mesmo xeito, avaliou os bos resultados do vóo a Londres-Heathrow, "que manten ocupacións superiores ao 85% a pesares da competencia que hai ao mesmo destino, a aeoroportos próximos". "É ademais, a única saída que temos que pase por hub internacional, ademais de Madrid e Barcelona, e polo tanto témolo que conservar", subliñou, para poñer de relevo o aumento que experimentou nos últimos tempos a conexión con Barcelona. "Entendemos que é un destino que que nos permite medrar e por aí termos que seguir aumentando esforzos. Cremos que ten que medrar e que vai seguir medrando, tendo en conta que se está convertendo nun hub", considerou. Respecto das conexións coas illas, Lema sinalou o seu bo funcionamento estacional, con resultados satisfactorios durante o verán, "por ser destino preferente dos e das coruñesas á hora de ir de vacacións".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible