16 de xuño de 2017
O presidente do Consorcio de Turismo e concelleiro de Emprego destaca que “o incremento do turismo provinte tanto de Reino Unido como de Irlanda é un obxectivo específico xa que temos moitas potencialidades que até o de agora non foron explotadas para atraelo”
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen tamén preside o Consorcio de Turismo da Coruña dirixe estes días unha delegación coruñesa na que tamén participa a xerente do ente turístico, Lanzada Calatayud, así como representantes do sector hostaleiro e gastronómico da Coruña e que ten como obxectivo a promoción da cidade en zonas de "especial potencial á hora da captación de viaxeiros e viaxeiras", concretamente Londres e Roma. Lema destacou a importancia de ambas accións: "A Coruña conta cunha conexión histórica coa capital do Reino Unido e cremos que neste momento somos un destino de gran atractivo para o público anglosaxón, mentres que en Roma estamos, dentro das accións promocionais de Saborea España salientando a nosa destacada posición como zona de especial interese e vangarda gastronómica".
O pasado martes a oferta turística da cidade foi presentada ante un cento de axentes de viaxes no Centro Barbican de Londres, dentro das xornadas Destination Showcase organizadas polo prestixioso grupo Travel Weekly. "O obxectivo desta acción comercial era a de amosar o potencial da Coruña aos e ás profesionais do turismo de Londres, sobre todo tendo en conta a conexión que mantemos con Heathrow", explicou Lema. A oferta gastronómica e cultural da Coruña foi especialmente destacada e valorada polos e polas profesionais londinenses do sector turístico. "Temos un gran potencial de crecemento no turismo británico, así como en Irlanda", dixo o concelleiro, quen engadiu que esta acción é continuación da que xa levou a cabo en meses pasados en Irlanda. Dentro das accións de promoción, os e as representantes das empresas touroperadoras inglesas, ademais de xornalistas especializadas compartiron coa delegación coruñesa unha xornada específica de traballo e unha cena preparada por Adrián Felípez co colectivo Coruña Cociña. O menú degustado estaba centrado na festividade de San Xoán, festa de Interese Turístico Internacional.
"As nosas oportunidades son moitas nun mercado británico que está cambiando os seus obxectivos no Estado español. Cremos que podemos ser un importante foco de captación tanto de turismo activo, como relixioso, gastronómico e cultural, aproveitando en todo caso a conexión histórica da cidade con Inglaterra a través do Camiño Inglés e o novo pulso que este cobrou graza ao impulso do Concello da Coruña que conseguir que os e as peregriñas que realicen este traxecto tamén reciban a distinción da Compostela por parte do Cabildo", comentou. "O incremento do turismo provinte tanto de Irlanda como de Inglaterra é un obxectivo prioritario dentro da estratexia comercial do Consorcio de Turismo", indicou Lema.
Día Mundial da Tapa
Por outra banda, e dentro das accións de promoción de Saborea España, plataforma de promoción de cidades do Estado como destinos gastronómicos, A Coruña participou nun acto celebrado onte na embaixada en Roma con motivo do Día Mundial da Tapa. O Consorcio de Turismo da Coruña participou neste evento no que tamén estiveron presentes representantes da cociña de vangarda coruñesa como o chef Pablo Pizarro, do Restaurante Bocanegra, e Iria Espinosa, de Árbore da Veira. "Neste caso o evento de promoción tamén contou con 300 invitados entre os que se atopaban touroperadores, axencias de viaxe, así como prensa especializada e vinculada ao sector cultural e turístico", comentou o concelleiro de Emprego.

9 de decembro de 2025

26 de novembro de 2025

25 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible