23 de maio de 2022
A cuarta proba do circuíto Coruña Corre levou o atletismo popular ao barrio dos Rosales con máis de 1.500 persoas inscritas.
Anxo Castro e Noelia Papín triunfaron na cuarta proba do Circuíto Coruña Corre, que este domingo desembarcou no barrio dos Rosales.
Máis de 1.500 deportistas inscribíronse a esta carreira, que tivo un percorrido próximo aos 6,5 quilómetros, con boa parte del polo Paseo Marítimo entre a zona de Labañou e do Portiño. A meteoroloxía respectou toda a xornada.
Na competición absoluta, Anxo Castro, do Vicky Foods Athletics, impúxose cun tempo neto de 20:11 e un ritmo de 3:09 por quilómetro.
Á cita co podio non faltaron dous dos habituais: Abdelaziz Fatihi, que sumou un novo segundo posto (21:03 de tempo neto), e Álvaro Presedo, do Club Marineda Atlético e gañador da proba de San Pedro de Visma, que acabou no terceiro caixón (21:27).
Outro dos nomes propios desta edición de Coruña Corre, Álvaro Marín, foi cuarto, tamén por baixo dos 22 minutos.
As irmás Papín, do Club Atletismo Sada, protagonizaron a categoría feminina e ocuparon dous dos tres caixóns do podio. Noelia adxudicouse a proba cun tempo neto inferior aos 26 minutos (25:59), cun ritmo de pouco máis de catro minutos por quilómetro.
A pouco, uns quince segundos, cruzaron a meta Penélope Martínez (26:14 de tempo neto), do Triatlón Arteixo, e Inés Papín (26:20).
David Murado dominou a categoría sub-18 en rapaces, aínda que Iago Prada, sub-16, mellorou o seu tempo, e Alba Pena foi a gañadora sub-16 con mellor crono que Susana Amor, quen se adxudicou a clasificación sub-18.
Lida Balseiro e Pablo Vázquez triunfaron en sub-14; Lucía Ageitos e Jeyden Jael Silva gañaron en sub-12, e Lucía Gundín e Hugo Cordal, en sub-10.
Á carreira sumouse a concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, que deu o pistoletazo de saída da proba absoluta e, posteriormente, uniuse ao grupo como parte dos Marines Enki.

30 de novembro de 2025

21 de novembro de 2025

17 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible