Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xullo de 2026

Aprobada a licitación de cinco novas rutas aéreas desde Alvedro e o convenio con Inditex para reforzar a promoción turística da Coruña

O Concello adxudicará no mes de agosto as rutas que saen agora a concurso, e que estarán operativas xa este ano para mellorar as conexións entre A Coruña e a península

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou hoxe dos acordos aprobados pola Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos, que deu luz verde á licitación de cinco novas rutas aéreas nacionais desde o aeroporto de Alvedro e ratificou o convenio de colaboración con Inditex para impulsar a promoción turística, cultural e económica da cidade.

Segundo explicou a rexedora, ambas as decisións forman parte dunha mesma estratexia orientada a reforzar a proxección exterior da Coruña, mellorar a súa conectividade e consolidar o seu papel como destino turístico, económico e congresual de referencia. "Estamos ante dúas decisións que responden a unha mesma visión de cidade: unha Coruña máis conectada, máis competitiva, máis atractiva para o investimento, para o turismo e para o desenvolvemento de novas oportunidades económicas", sinalou Inés Rey.

A nova licitación inclúe conexións directas con Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante, consideradas estratéxicas polo seu potencial turístico, empresarial e social. O contrato terá unha duración inicial de tres anos, con posibilidade de prórroga por unha anualidade adicional, e contará cun investimento superior aos 6,5 millóns de euros. "Estas rutas significan máis oportunidades para a nosa hostalaría, para os nosos hoteis, para o comercio local e para os sectores vinculados ao turismo. Pero significan tamén máis oportunidades para as empresas coruñesas e para a cidadanía en xeral, que verá ampliadas as súas posibilidades de conexión con outras cidades do Estado", explicou. Ademais dos voos, o contrato incorpora un amplo plan de promoción da cidade nos mercados de destino, con campañas publicitarias, presenza da Coruña nos soportes das compañías aéreas, accións en redes sociais, newsletters especializadas e iniciativas dirixidas a profesionais do sector turístico.

A alcaldesa confirmou que o Consorcio de Turismo traballa xa na convocatoria dun novo concurso específico para rutas internacionais, co obxectivo de ampliar a conectividade da cidade con mercados europeos prioritarios. "A nosa aspiración é clara: que A Coruña sexa unha cidade cada vez máis aberta ao mundo, máis accesible para quen queira visitarnos, investir aquí, estudar aquí, emprender aquí ou desenvolver aquí a súa actividade profesional", concluíu Inés Rey.

Novas rutas incluídas na licitación

  • A Coruña - Málaga: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano.
  • A Coruña - Valencia: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano.
  • A Coruña - Bilbao: 180 voos anuais e un mínimo de 32.400 prazas ao ano.
  • A Coruña - Sevilla: entre 288 e 352 voos anuais segundo a anualidade do contrato, con ata 63.360 prazas.
  • A Coruña - Alacante: entre 146 e 180 voos anuais segundo a anualidade do contrato, con ata 32.400 prazas.

Un convenio con Inditex para impulsar grandes proxectos de cidade

A Xunta de Goberno do Consorcio ratificou tamén o convenio de colaboración con Inditex, que contempla unha achega de 1,5 millóns de euros destinada a reforzar accións de promoción turística e cultural da cidade durante os anos 2026 e 2027. Inés Rey agradeceu publicamente a implicación da compañía e destacou que o acordo representa "un magnífico exemplo de colaboración público-privada ao servizo do interese xeral".

O convenio permitirá desenvolver actuacións vinculadas a grandes eventos, a promoción audiovisual e cultural da cidade e a promoción turística en xeral da cidade en todos os ámbitos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión