Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de abril de 2026

Arrincan as obras do novo parque do Ventorrillo, que será o primeiro cuberto da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este proxecto, que supón un investimento dun millón de euros, é fundamental porque “pon por diante tanto a comodidade como a seguridade”

A alcaldesa, Inés Rey, acudiu ao Ventorrillo para supervisar o inicio das obras do primeiro parque cuberto da cidade. Trátase dun proxecto pioneiro que lles permitirá aos nenos e nenas xogar a resgardo das condicións meteorolóxicas en inverno e protexerse tamén do sol no verán, e que comezou cos traballos esta mesma semana. 

"Gobernar ben non soamente significa facer máis cousas. Gobernar ben tamén é facer mellores cousas. Este parque no Ventorrillo é un proxecto ambicioso do que estamos particularmente orgullosos no Concello porque con el queremos traer á realidade un novo modelo que poña por diante a comodidade e a seguridade. Permitiralles aos nenos e nenas desfrutar do xogo resgardados durante todo o ano", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

Cun investimento público dun millón de euros, a área infantil contará con catro cubertas lixeiras de policarbonato para cubrir o parque. Tal e como detallou a alcaldesa, a superficie pasará dos 400 metros cadrados actuais a 730. Coa mellora case se duplica o espazo. Tamén aumenta a capacidade, que pasará de 76 a 135 persoas usuarias

Ademais, renovaranse tanto o pavimento como os equipamentos que hai actualmente e sumaranse xogos inclusivos e sensoriais. Haberá dous novos tobogáns aproveitando o noiro lindeiro ao parque, semellantes aos existentes nos parques de Oza e en Eirís. Esta actuación faise seguindo a folla de ruta do Plan de Barrios trazada polo Goberno local para levar melloras estruturais a todos os puntos da cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión