29 de setembro de 2026
O programa inclúe concertos, actividades infantís, tradición popular e unha homenaxe a Begoña Caamaño no Teatro Colón
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe a programación das Festas do Rosario 2026 xunto ao presidente da Asociación de Veciños Cidade Vella, Leonardo Méndez. As celebracións da patroa da cidade desenvolveranse entre os días 2 e 7 de outubro cun amplo programa de actividades culturais, musicais e festivas que terán como escenario principal as prazas e rúas da Cidade Vella.
As festas están organizadas pola Asociación de Veciños Cidade Vella co apoio do Concello da Coruña a través da liña municipal de subvencións destinada á celebración das festas dos barrios. Este programa impulsado polo Goberno de Inés Rey permite reforzar e preservar unhas celebracións que forman parte da identidade cultural e social da cidade. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o papel fundamental do movemento veciñal na conservación das tradicións populares e na dinamización da vida comunitaria dos barrios. O edil agradeceu o traballo desenvolvido pola asociación organizadora para confeccionar "un programa diverso e pensado para todos os públicos".
"As Festas do Rosario son unha das citas tradicionais do calendario festivo coruñés e constitúen un espazo de encontro para a veciñanza da Cidade Vella e para todas as persoas que se achegan a gozar da programación cultural e popular organizada arredor da patroa da cidade", indicou Castro. A programación arrancará o venres 2 de outubro ás 13.30 horas coa actuación de Komando Kombate na praza de María Pita e continuará pola tarde na praza da Constitución cos concertos de Makarrugas e Os Coribantes. A xornada pecharase ás 21.30 horas coa actuación de Rafa Sánchez, voz histórica de La Unión, e Nacha Pop, na Porta de Aires.
O sábado 3 de outubro combinará actividades deportivas e musicais. A cidade deportiva da Torre acollerá un encontro de fútbol entre o Sporting Ciudad e o Deportivo Ciudad ás 10.00 horas, mentres que na Porta de Aires actuará a partir das 13.30 horas o dúo Callos Gratis.
Os actos centrais celebraranse o martes 6 de outubro, coa actuación do grupo Amizades ás 19.00 horas e o tradicional pregón das festas na praza de Fariña ás 20.00 horas. A continuación actuarán Xilo e Carlos, Sin Secretos, Malditos Pendejos e DJ Ayman. O mércores 7 de outubro, día da patroa, a programación incluirá dianas e alboradas a cargo da ACD Eidos, a actuación da Banda Municipal da Coruña, a misa solemne na igrexa de Santo Domingo e a tradicional procesión polas rúas da Cidade Vella. Ademais, haberá polbeira e churrascada para a veciñanza e visitantes. Actuará Broken Peach ás 14.45 horas, o contacontos musical 'Os Ricos de Lía' ás 17.00 horas, Indiegentes ás 18.30 horas.
Homenaxe a Begoña Caamaño no Teatro Colón
Un dos momentos máis destacados desta edición será o espectáculo 'Circes e Morganas celebrando a Begoña Caamaño', que terá lugar o 7 de outubro ás 21.00 horas no Teatro Colón. A proposta reivindica o legado literario, cultural e humano da escritora e xornalista, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, a través dun encontro de música, palabra e creación visual.
O espectáculo, organizado polo Concello, está concibido como unha celebración colectiva arredor da figura de Begoña Caamaño, reunindo sobre o escenario a artistas e creadoras como Rosa Cedrón, Ana Romaní, Lucía Aldao, Uxía, Faia Díaz, Tereixa Novo, A Pedreira, De Vacas, Alba María ou Zeltia Irevire, entre outras participantes.
Baixo a dirección escénica de Marina Oural e a Pedreira, a iniciativa propón unha viaxe artística polo universo de Begoña Caamaño, destacando a súa contribución ao feminismo, á literatura galega, ao xornalismo e á cultura do país desde unha perspectiva de celebración, memoria e amizade.

29 de setembro de 2026

29 de setembro de 2026

29 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible