Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de abril de 2024

Avanzan as obras de construción da nova rede de saneamento na rúa Marsella, reforzando o plan de mellora das infraestruturas no barrio da Zapateira

O Concello dotará a rúa dun circuíto separativo de augas residuais e pluviais. Ademais, tamén se está a traballar na rúa París, no sector leste do distrito

O Concello da Coruña avanza nos traballos de instalación da nova rede de saneamento da rúa Marsella, onde a semana pasada comezou a construción dun novo circuíto separativo de colectores para a recollida de augas residuais domésticas e tamén pluviais, o que facilitará o seu tratamento.

Seguindo o patrón de intervencións xa executadas previamente, o Concello levará a cabo a implementación de novos colectores de PVC e cun diámetro exterior de 315 mm -que reforza a seguridade fronte a posibles fugas-, nun treito de 230 metros, cubrindo a totalidade da rúa Marsella ata o cruzamento coa rúa Burdeos.

A previsión do Concello é que o plan de obras, que inclúe a reposición do firme tras a instalación dos colectores, remate nas vindeiras semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o faciliten.

En paralelo, traballos na rúa París

Ademais das melloras que se están a executar na rúa Marsella, o Concello está a dar continuidade estes días a outra intervención de saneamento na rúa París, situada no sector leste do barrio da Zapateira.

En esencia, o plan de obra inclúe a instalación da rede de recollida de augas fecais e pluviais no treito da rúa París que está comprendido entre as rúas Florencia e Ámsterdam. Os traballos suporán un investimento de 130.000 euros.

A renovación do saneamento na Zapateira, unha constante desde o pasado mandato

A creación da nova rede de saneamento na rúa Marsella supón un novo impulso ao plan de mellora das infraestruturas no barrio da Zapateira, onde o Goberno de Inés Rey dá continuidade desde o pasado mandato a un plan para renovar -ou instalar, en función dos casos- o circuíto para a recollida de augas.

En moitas das actuacións, os traballos impulsados polo Concello supuxeron a creación de redes separativas, inexistentes ata entón. Foi o caso das melloras xa executadas nas rúas Dublín, Atenas, Burdeos, Venecia, Helsinki, Roma, Salzburgo e Ana María Mogás Fontcuberta, por exemplo.

Ademais, nos últimos anos tamén se foron renovando, de forma progresiva, treitos da rede de saneamento en rúas como Torino e Frankfurt. Nalgúns casos, pola antigüidade das mesmas, como exemplifica tamén a intervención levada a cabo nun treito da rúa Belgrado en febreiro de 2023.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión