Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de novembro de 2019

Concello e Xunta acordan reformar o mercado de Santa Lucía e destinalo a centro de saúde, centro cívico e equipamento comercial

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta tarde en Santiago de Compostela co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, para impulsar o proxecto de construción do ambulatorio. O edificio albergará un centro cívico no inmoble anexo. O Concello comprométese a rehabilitar o edificio, humanizar as rúas da contorna do mercado e crear máis zonas verdes.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz  Villoslada, mantivo esta tarde unha reunión en Santiago de Compostela co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e co delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, co propósito de desbloquear o proxecto de construción do centro de saúde no mercado de Santa Lucía. O edil de Urbanismo presentou en San Caetano un plan de distribución de espazos que inclúe un uso mixto e a remodelación do edificio, que conterá na parte do mercado o ambulatorio e no edificio anexo, en altura, o centro cívico, tal e como leva anos reclamando a veciñanza do barrio. Ademais, o  Concello comprométese a humanizar as rúas da contorna do mercado. Desta maneira, o  Concello da Coruña dá un paso máis para cumprir o seu compromiso coas e cos veciños e combinar o uso de mercado, centro cívico e ambulatorio.

A reunión serviu para concretar os usos e espazos do futuro centro de saúde esixidos polo Sergas. Os responsables do Goberno autonómico trasladáronlle ao titular de Urbanismo as necesidades de espazo que require pór en marcha un ambulatorio e as demandas asistenciais para desenvolver a súa actividade e que sexa accesible para as persoas usuarias. As necesidades da consellería alcanzan os 1.500 metros cadrados. Os equipos técnicos do Concello e o Sergas validarán o novo proxecto e realizarán un convenio para estableceren os trámites de redacción, licitación e execución, así como o financiamento e o mantemento do futuro centro. O concelleiro deixou claro que o Concello rehabilitará o edificio.

Modificaremos o proxecto xunto co persoal técnico da Xunta para acelerar a súa futura licitación, de xeito que a remodelación sexa efectiva durante este mandato, tal e como se acordou no Pleno municipal".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión