23 de novembro de 2018
Un Proxecto social da Agrupación de montañeiros independentes (AMI) en colaboración co Concello da Coruña e a Fundación EMALCSA
O obxectivo fundamental deste proxecto, levado a cabo por AMI en colaboración co Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, é ofrecer a quen participe nel todo o potencial que posúen os deportes de montaña para o desenvolvemento integral da persoa, así como a educación en valores que eles levan (superación, respecto, igualdade, convivencia, solidariedade, compañeirismo e respecto ao medio natural). Trátase de xerar experiencias positivas que as/os acompañen ao longo das súas vidas e poidan contribuír á súa inclusión social. O proxecto vai dirixido principalmente a persoas pertencentes aos colectivos de infancia e mocidade con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos, que por diversos motivos estean en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
As actividades do proxecto desenvolveranse desde novembro de 2018 a agosto de 2019 e serán:
1.- Bautismo no mundo vertical: unha sesión de hora e media no rocódromo de Riazor para dar a coñecer a escalada.
2.- Iniciación á escalada: quen mostre interese e motivación cara á escalada poderá asistir á Escola de AMI semanalmente.
3.- Rutas inclusivas pola montaña: realizaranse 6 rutas de sendeirismo a lugares emblemáticos da xeografía galega. A algunhas delas poderán asistir familiares dos/as menores: Eume, Mera, Costa de Razo, O Cebreiro, Lugo, Costa de Ferrol.
4.- Escalemos todas e todos: Xornada de sensibilización social e escalada inclusiva. Como final do curso, o 22 de xuño realizarase un día de portas abertas. Buscarase un lugar emblemático para a súa realización, preferentemente ao aire libre, onde se poñerá unha estrutura de escalada, onde as persoas beneficiarias do proxecto e quen integra a Escola Base de AMI poderá axudarlle a iniciarse á poboación en xeral.
5.- Á montaña imos todas e todos: ruta urbana ao Monte de San Pedro, con motivo do Día Internacional das Montañas
11 de decembro. Tema deste ano: as montañas son importantes. Farase unha ruta ao Monte de San Pedro, con saída do aparcadoiro de Riazor ás 10:30 horas.
6.- "A escalada en feminino": 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, realización dunha Xornada de Portas Abertas para lles dar a coñecer ás mulleres o potencial que ten a escalada como práctica deportiva.
As clases impártense no rocódromo de Riazor, os horarios son de 16:00 a 17:30 horas de martes a venres, e os sábados pola mañá de 10:30 a 12:30 h.
As rutas son as seguintes:
19 de xaneiro ao Cebreiro
6 de abril ao Eume
11 de maio a Lugo (Paseo fluvial)
10 de xuño á Costa de Razo
20 de xullo a Mera
15 de agosto á Costa de Ferrol
As rutas pódense modificar en función do tempo, 15 días antes concretaranse.
No documento que se achega aparece a ficha de inscrición.
Máis información en info@amimontanismo.es

19 de decembro de 2025

11 de decembro de 2025

8 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible