Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2026

Como é habitual na celebración da xornada, haberá cortes de tráfico desde primeira hora da mañá e ata a conclusión da proba

Carlos Mayo, Edymar Brea, Jesús Ramos e Ester Navarrete, entre as figuras que competirán como atletas élite no medio maratón C21 deste domingo

Haberá dúas saídas diferenciadas para a C21 e a 5K. Ademais, cada carreira contará con cinco caixóns de saída segundo os tempos indicados no formulario de inscrición

Conta atrás para o pistoletazo de saída da XVIII medio maratón C21, que volverá este domingo (9.30 h.) ás rúas da cidade tras bater o récord de inscricións na historia da proba (3.000) e coa presencia xa confirmada de atletas élite como Carlos Mayo, Edymar Brea, Jesús Ramos e a galega Ester Navarrete, entre moitos outros.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o percorrido e palmarés das e dos profesionais que estarán na liña de saída esta fin de semana, onde tamén cobrará protagonismo a ourensana Antía Castro, a asturiana Paula Herrero e, ademais, Kenya volverá a estar representada ao máis alto nivel, con Rono Cheptoo, Samson Kipyegon e Meshack Kipkurgat saíndo a competir polos caixóns do podio tanto na categoría feminina como a masculina.

Con boas condicións meteorolóxicas previstas de cara á xornada, o edil subliñou "as gañas de running palpables na cidade", onde a presencia, por exemplo, de Carlos Mayo, aporta un aliciente engadido, ao ser o atleta que ostenta o actual récord de España na distancia de 21 quilómetros en categoría masculina -detivo o crono en 59:39 na edición 2023 do medio maratón de Valencia-.

Tamén este domingo, A Coruña contará con Jesús Ramos, especializado en probas de fondo e ruta, actualmente recoñecido como un dos mellores especialistas nacionais en 10K. Neste sentido, Ramos coroouse campión de España dos 10K en ruta en marzo do ano pasado, en Bilbao, sendo triple campión nacional nesta distancia.

Ademais, atletas que xa coñecen ben o asfalto coruñés, como Ester Navarrete, volverán a competir na cidade co obxectivo de levarse a vitoria na praza de María Pita, a meta desta edición. No caso de Navarrete, tras ser a última gañadora da carreira C10 na categoría absoluta feminina, en outubro do ano pasado.

Cómpre destacar que, ademais de xa estar previstas as saídas diferenciadas das e dos participantes da C21 e da 5K, tamén haberá cinco caixóns de saída segundo os tempos indicados no formulario de inscrición, tamén para cada unha das carreiras.

Manuel Vázquez, que agradeceu hoxe a colaboración da Federación Galega de Atletismo e da Federación Española de Atletismo para organizar a carreira, amosou a súa satisfacción polo bo ambiente previsto este domingo, "unha xornada que volverá a amosar as magníficas condicións da Coruña para acoller probas deportivas do máis alto nivel, un obxectivo asumido polo Goberno da nosa alcaldesa, Inés Rey, e que terá continuidade no 2027 coa celebración do Campionato de España de Milla, 5K e Medio Maratón, do que seremos sede".

Cortes de tráfico previstos ao longo da mañá de domingo

Manuel Vázquez lembrou hoxe que, como xa é habitual nas xornadas de carreiras de máis distancia, este domingo haberá cortes de tráfico en diversos puntos da cidade co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da proba, sempre con accesos e desvíos alternativos, especialmente en barrios como Monte Alto, Cidade Vella e Ensanche.

Os primeiros cortes serán efectivos a partir das 5.30 horas do domingo nos Cantóns, mais será a partir das 9.00 cando se pecharán ao tráfico as rúas polas que transcurre a carreira, que aparella tamén unha 5K que comezará pouco despois da C21.

A proba pasará por praza de Ourense, Linares Rivas, Palloza, Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, voltando novamente por este percorrido previo ata desviarse desde a Casa do Mar en dirección ao porto, rumbo a Oza. De aí, volta polo interior dos peiraos e saída cara a Primo de Rivera, Linares Rivas, Juana de Vega e, xa despois, percorrido por Riazor e Manuel Murguía, bordeando despois o paseo en dirección á rotonda do Aquarium e volvendo despois por rúa Sol, San Andrés, rúa Nova, Marina e, finalmente, a praza de María Pita.

"Conforme vaia discurrindo a carreira, co paso das e dos corredores, irase restablecendo a normalidade do tráfico en todas as vías afectadas", recalcou o edil.

A información dos servizos de carreira, dispoñible na web do Concello

Como xa é habitual na celebración da C21 e a 5K, as persoas participantes disporán dun amplo abano de servizos, que este domingo se centralizarán na praza de María Pita: haberá gardarroupa, baños e fisioterapia.

Ademais, tamén será en María Pita onde se habilitará o espazo para recoller a medalla finisher das e dos deportistas que completen o percorrido dos 21 quilómetros.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión