Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de novembro de 2015

Claudia Delso recorda que "para dar oportunidades á mocidade é necesario que a billa do crédito volva fluír, e o faga cara aos proxectos máis innovadores"

A concelleira de Participación Democrática, Innovación e Xuventude participou no Foro Designing Future, que busca achegar financiamento a pemes dirixidas por xente moza

A concelleira de Participación Democrática, Innovación e Xuventude, Claudia Delso, participou esta mañá na inauguración do Foro Designing Future, un evento que busca achegar financiamento a pequenas e medianas empresas lideradas ou dirixidas por mozos e mozas. “É unha meta louvable, nun momento de crise xeralizada que afecta de xeito especial á xente do común, os e as traballadoras e tamén ás pequenas e medianas empresas, ao fin, ás que adoitan crear máis emprego, sobre todo de proximidade”, dixo a representantes municipal no acto, celebrado no Club Financieiro.

Delso manifestou que para dar oportunidades a unha mocidade excepcionalmente formada “é máis que necesario que a billa do crédito volva fluír e o faga cara aos proxectos máis innovadores”. “Este foro trata de poñer en contacto a emprendedores e inversores, de ser o escenario dunha primeira toma de contacto para poder acadar o financiamento adecuado”.

Delso reflexionou sobre “os tópicos que viñeron aparellados con esta crise”. “Discursos en ocasión certamente interesados que teiman en falsidades como a imaxe dunha xeración de mozos e mozas con tendencias nini e outros estereotipos afastados da realidade. Polo contrario, o que non é un tópico é que a nosa xeración é a máis preparada que houbo ata o momento, e tamén a que suma unha maior taxa de desemprego e de exilio económico, no que se deu en chamar a terceira emigración galega, aquela na que marchan os máis novos e os mellor formados”, comentou.

A concelleira de Participación indicou que todas as institucións, entidades e organismos con competencias “temos que facer todo o que estea ao noso alcance para que esta xeración de mozos e mozas excepcionalmente formada reverta os seus coñecementos nesta sociedade. Para que os seus proxectos de futuro, tamén os que teñen que ver co mundo empresarial, se fagan realidade sempre baixo o obxectivo de crecemento económico e xustiza social, obxectivos irrenunciables que pasan polas boas ideas e a creatividade”. “Nese camiño, atoparán sempre o apoio do Concello da Coruña”, rematou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión