1 de outubro de 2023
As obras, iniciadas este venres, rematarán aproximadamente a finais de outubro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento da intervención
O Concello da Coruña, a través da Área de Economía e Planificación Urbana, iniciou este venres os traballos de mellora previstos na área de xogos infantís do Monte de San Pedro, situada no sector leste do parque e máis concretamente entre o miradoiro, o labirinto verde e o aparcadoiro público.
A intervención está centrada na renovación integral do pavimento de caucho na área de xogos situada na beira esquerda, onde se substituirá o firme actual, nunha superficie de 311 metros cadrados, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos. Neste sentido, e como paso preliminar ao inicio das obras, o persoal de Infraestruturas acometeu días atrás a instalación do valado perimetral necesario para acoutar a zona de traballo.
A previsión do Concello é que as obras rematen aproximadamente a finais de outubro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento dos traballos. O investimento para completalos é de 21.770 euros.
O Goberno municipal avanza co plan de melloras nos parques infantís da cidade
O plan de melloras nos parques infantís promovido polo Goberno de Inés Rey avanzou durante o pasado verán coa remodelación das instalacións de xogo situadas en Vioño, na praza Casares Quiroga (Elviña), na praza de Pontevedra e na rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro). En todas elas finalizaron xa os traballos para introducir novos xogos inclusivos e crear prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida. A este respecto, o Concello ten previsto avanzar nesta mesma liña de actuación no parque infantil da praza Elíptica (Os Rosales), onde comezará proximamente a instalación dun carrusel adaptado semellante ao que xa está disposto na área de xogos infantís dos xardíns de Méndez Núñez.
Ademais, esta mesma semana, remataron as obras de mellora na área de xogos infantís situada entre as rúas Vila de Cambre e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto, onde tamén se renovou o firme de caucho.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible