15 de marzo de 2026
O Concello pon en marcha unha nova actuación do Plan de barrios 2025-2027 e aposta por renovar esta superficie, que gañará novos pavimentos, máis espazo peonil e mellorará a súa accesibilidade
O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27, que nos vindeiros días sumará unha nova actuación de mellora en execución: a humanización da praza Manuel Guitián, na segunda fase de Elviña.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Cernadas, suporán un investimento superior aos 600.000 euros e permitirán dar continuidade á transformación dos espazos públicos nesta parte do barrio, onde xa se actuou previamente en puntos como Pintor Laxeiro e Pintor Manuel Colmeiro.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia de "adecuar as superficies máis próximas aos bloques residenciais do barrio", tanto para renovar os espazos de paso como para gañar seguridade viaria e accesibilidade universal nos percorridos lindeiros aos edificios de vivendas.
"Xunto ao Castrillón, Elviña é un dos barrios da cidade que conta con máis veciñas e veciños en idades superiores aos 65 anos. Iso é un factor fundamental á hora de formular actuacións de mellora no espazo urbano, porque cómpre dar resposta ás necesidades das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida", indicou a concelleira.
Esta filosofía impulsa a remodelación desta praza, onde o Goberno de Inés Rey ten previsto renovar os pavimentos, tanto das beirarrúas -que serán ampliadas- como da calzada, visibilizando os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, tal e como se informou meses atrás na saída a concurso das obras, tamén se acometerá a elevación do paso peonil que hai no acceso á praza, para propiciar o calmado do tráfico.
A humanización da praza tamén aparellará a plantación de novos exemplares de arboredo arredor do óvalo. Desta forma, favorecerase a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano. A maiores, renovarase a iluminación na praza e farase separativa a rede de pluviais e saneamento da zona, que actualmente é unitaria. Así, o Concello mellorará a recollida de augas en orixe.

11 de marzo de 2026

8 de marzo de 2026

6 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible