9 de agosto de 2016
O edil José Manuel Sande salienta que “a reformulación” da festa, que inclúe faladoiros e obradoiros infantís de construción de instrumentos, responde á vontade que A Coruña acolla un encontro de música galega “moi potente”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no pazo de María Pita a Romaría de Santa Margarita, que terá lugar na fin de semana do 27 e 28 de agosto. A celebración, que suporá "o colofón ás festas da cidade", sinalou o edil, "amplía este ano conceptualmente a romaría" ao dar "protagonismo absoluto á música tradicional e ao folclore". "Un dos puntais do noso traballo é a aposta polo arraigo e a música propia, en colaboración coas entidades da cidade", explicou Sande. "Entendimos que nestas festas habia unha ocasión única de reformular o propio concepto da Romaría e abrir camiños non explorados ata agora", expuxo o responsable municipal, "en conexión coas agrupacións cidadás que participan nas foliadas de Ardelloeixo desde decembro de 2015", o programa de dinamización da cultura tradicional promovida pola súa área.
Así, durante o sábado 27, desenvolveranse tanto no parque de Santa Margarita como nos Xardíns de Méndez Núñez e as prazas de Vigo, Galicia e Lugo numerosos concertos, obradoiros infantís de construción de instrumentos, mesas redondas e faladoiros dirixidos a todos os públicos nos que participarán tanto entidades locais como doutras localidades galegas e destacados profesionais do sector, coa vontade de crear un encontro de música tradicional "moi potente e de referencia", dixo Sande. Nesta liña tamén se pronunciou Noa López, coordinadora das actividades da xornada e que acompañou ao edil na presentación. López sinalou que "o obxectivo é convertir a Romaría na grande festa do folclore e da música tradicional de Galicia", e saudou que a "música galega teña un espazo protagonista tanto na programación das festas como dentro da propia cidade".
A xornada desenvolverase desde as 10.00 horas ata as 19.00 horas da tarde en distintas localizacións temáticas, cada unha especializada nun ámbito do folclore, antes de trasladarse ao parque de Santa Margarita. Así, a praza de Vigo recollerá toda a actividade realicionada co baile, con obraodiros de Luis Prego, Montse Rivera, Xabier Iglesias e Manolo Cobas, con actuacións de Cántigas da Terra, Donaire e Sond'aqui, ademais dunha foliadiña Ardelloeixo. Pola súa banda, na praza de Galicia centraranse os faladoiros, nos que participarán representantes de distintas agrupacións e Xurxo Souto impartirá un obradoiro de regueifas. A praza de Lugo transformarase na Praza Miúda, cunha programación especial para nenas e nenos, na que se realizarán actividades distintas actividades así como obradoiros de construción de instrumentos como a pandeireta, turutú, castañolas ou chimpau. Finalmente, os Xardíns de Méndez Núñez serán o epicentro da música, con actuacións e obradoiros impartidos por Olga Kirk, Pablo Seoane, Fransy Gonález e Xosé Lois Romero. Ademais, durante toda a mañá, desde as 10.00 ata as 14.00 horas, Os Viqueiras de Ordes realizarán pasarrúas entre as prazas. Xa pola noite, desde as 20.00 horas ata as 02.00 horas, sucederanse os concertos de Pesdelán (20.00 horas), Tiruleque (21.30 horas), Xosé Lois Romero & Aliboria (23.00 horas) e Os d'abaixo (00.30 horas).
O domingo 28 a Romaría manterá "a estrutura acorde como se viña desenvolvendo nos últimos anos", segundo indicou o concelleiro de Culturas, con obradoiros, pasarrúas, actividades infantís, fogos artificiais "e outras sorpresas" no parque de Santa Margarita, e a verbena "será substituída por música tradicional". En canto á celebración nocturna, desde as 20.00 horas haberá concertos de Xacarandaina, así como do músico de Mali Vieux Farka Touré e Treixadura.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible