29 de marzo de 2016
A programación de danza estable do Teatro Rosalía Castro comezará o venres 1 de abril coa estrea de ‘Invisible Wires’, unha coprodución entre Galicia e Alemaña da compañía galega La Macana
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a nova edición de TRC Danza, o programa estable de de artes do movemento do Teatro Rosalía Castro, que se desenvolverá desde abril até o mes de novembro. O edil salientou o carácter vangardista desta tempada e louvou o seu proxecto complementario de Programación Expandida, de carácter “innovador” que representa “a conexión e relación de participación entre as e os creadores, cidadanía e degostadores da danza, que aumenta na cidade grazas a estas actividades”. O ciclo, que dá prioridade á danza contemporánea sobre outros estilos e formatos, contará con doce propostas profesionais, das cales tres serán galegas. Delas, Invisible Wires, de La Macana, e Son, de Nova Galega de Danza, estrearanse na Coruña.
O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, defendeu unha edición “cun equilibrio de formatos e estilos”, entre os que haberá “danza contemporánea, neoclásico, danza circo ou hip-hop” e “variedade de orixes” das compañías participantes, chegadas desde Portugal, Catalunya, Euskadi, Madrid, Valencia ou Canarias. O ciclo comezará este venres, 1 de abril, coa estrea en Galicia de Invisible Wires, da compañía galega La Macana, e dirixida polo coreógrafo cubano Julio César Iglesias. O espectáculo, que se representou por vez primeira o pasado 11 de marzo en Düsseldorf, é unha coprodución internacional impulsada por Caterina Varela e Alexis Fernández, membros de La Macana, e conta cun elenco internacional afincado, na súa maioría, en Bélxica e Alemania. Durante a presentación, Varela destacou o feito “notable” que esta produción galega “contase coa colaboración de distintas institucións europeas”, coma as alemanas Kunststifung, o teatro independiente Theater im Pumpenhaus e a Casa da Danza (Tanzhaus) de Düsseldorf; Graner, o espazo de creación vinculado ao Mercat des Flors de Barcelona; e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) cuxo director, Jacobo Sutil, tamén participou na presentación.
A segunda cita do programa chegará o 29 de abril, o Día Internacional da Danza, con Horas, un proxecto da compañía portuguesa Circolando que combina danza contemporánea de creación comunitaria na que intervirá un coro de canto gregoriano. Continuará no mes de maio, o día 16, con AirenoAr, un espectáculo de pequeno formato “moi poético”, segundo Paulo Rodríguez, que nace dunha proposta coruñesa que fusiona danza contemporánea e distintas disciplinas aéreas. O venres 27 será a estrea da nova produción de Nova Galega de Danza, Son, na que a danza tradicional galega se fusiona con flamenco e danza contemporánea.
O ciclo retomará a súa actividade no mes de agosto con La Partida, un espectáculo formulado dentro dun campo de fútbol e inspirado na película L’arbitro de Paolo Zucca, que estará incluido na programación das Festas de María Pita 2016. Continuará en setembro coa presentación de Latente, un espectáculo de pequeno formato de danza contemporánea da canaria Paula Quintana que foi recoñecido como o Mellor espectáculo emerxente dos XIX Premios Umore Azoka 2015. De seguido, o día 1 de outubro, a compañía vasca Lasala presentará dúas coreografías, Hooked (still) e Laesku 22, creadas orixinalmente para a súa representación na rúa; e o día 28 o Teatro Rosalía acollerá a creación neoclásica-contemporánea Ballem!, de It Dansa.
O mes de novembro será o derradeiro da programación da tempada, e contará con tres espectáculos de estilos diferenciados. O día 3 de novembro, Brodas Bros presentará 4Herma@s, un espectáculo de danza urbana con música en directo que presenta a relación entre dúas parellas de irmáns a través do Hip-Hop. O 12 de novembro, o Ballet de Carmen Roche achegarase ata A Coruña con Coreógrafos españoles de norte a sur, un espectáculo de danza neoclásica e contemporánea na que se porán en escena pezas de nova creación para facilitar a visualización do traballo destas e destes creadores “baixo o paraugas da experiencia e saber facer de Roche”, segundo Rodríguez. Finalmente, o sábado 26 de novembro a compañía de Roberto Olivan Enclave Arts del moviment porá o broche á tempada coa performance Lonely Together, na que participarán tanto Olivan coma Gregory Maqoma. O director do Teatro Rosalía Castro salientou a combinación dos bailaríns internacionais sobre o escenario, “ao formar un espectáculo brutal”, así coma “as paisaxes sonoras” de Laurent Delforge e o “espazo lumínico” de María de la Cámara para esta creación.
As entradas para os distintos espectáculos do TRC Danza 2016 están á venda, desde 10€, nas canles habituais (despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres, excepto festivos, de 9.30 a 13.00 h e de 16.30 a 19.30 h-, do Teatro Rosalía Castro -os días de función, de 12.00 a 14.00 h e de 18.00 a 20.00 h), e vía telemática a través da web Ticketea e do teléfono 902044226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 h, sábados de 14.00 a 22.00 h e os domingos de 16.00 a 21.00 h). Tamén é posible adquirir abono para a tempada, que inclúe a compra conxunta de, como mínimo, seis espectáculos, cun 25% de desconto sobre o prezo habitual. As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do carné xove obterán unha bonificación do 50% das entradas, así coma os grupos de máis de 20 persoas en compra anticipada.
Actividades complementarias
Esta tempada TRC Danza tamén continuará coa súa Programación Expendida, un proxecto que, a través da mediación cultural, articula mecanismos de relación entre as e os artistas convidados e a cidadanía da Coruña, co obxectivo de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento. A través de charlas e formacións, a veciñanza poderá coñecer os procesos de creación artísticos das compañías antes da representación das pezas no escenario de Rego de Auga. Toda a información deste proxecto e das súas actividades poderá consultarse tanto na web municipal de Culturas coma a través da páxina www.facebook.com/trcdanza
En paralelo á celebración de TRC Danza, o Teatro Rosalía acollerá o ciclo de danza do 23º Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (FITEUC), que se celebrará os días 6 e 7 de abril, e no que participan compañías e grupos vinculados ás universidades galegas. O mércores 6 poderán os espectáculos Madonna, faite vella con nós, por favor!, de Doutras, da Universidade de Vigo; Desconexión, de Camiños, compañía independente de danza da Universidade de Santiago de Compostela, e Método Caldeirada, do grupo I+D da Universidade da Coruña. O xoves 7, representaranse Tras a pel, da Compañía de Danza da USC - Campus de Lugo; Sintética, da coruñesa Mudanza, e Rescate, do grupo de Danza Normal da UDC. A entrada de ambos días é libre ata completar a capacidade do teatro de titularidade municipal.
Tamén no mes de abril terán lugar as VIII Xornadas estatais sobre a inclusión social e a educación nas artes escénicas, que contarán coa presentación de dúas creacións artísticas participadas pola cidadanía. Serán Las Muchas (mércores 20), dirixida por Mariantònia Oliver, na que veciñas da coruña maiores de 70 anos bailarán sobre o escenario do Teatro Rosalía Castro; e Vida laboral (xoves 21), unha intervención escénica, dirixida por Claudia Faci, a través das vivencias laborais dun grupo de homes coruñeses xubilados.
Ademais do ciclo TRC Danza, a programación das artes do movemento compleméntase na Coruña cos ciclos ‘Bebescena’, ‘Todo Público’ e ‘Ilusiooóh!n', organizados pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento a través do IMCE e que inclúen propostas para o público infantil e xuvenil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible