Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xaneiro de 2016

Culturas publica as bases dos concursos de comparsas, carrozas e disfraces do Entroido

O Concurso de Choqueiros terá lugar o vindeiro 9 de febreiro en Monte Alto

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de publicar na páxina web municipal as bases dos distintos concursos que terán lugar durante a celebración do Entroido (pódense consultar ao final desta información). Este ano, todas as persoas ou entidades interesadas en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto nas modalidades de carrozas, comparsas -- música e letras, e vestiario e coreografía--, disfraces infantís e Choqueiros, que tamén contará cun concurso para as e os menores. As inscritas nas dúas primeiras categorías participarán no tradicional desfile de carrozas e comparsas que discorrerá desde a Cidade Deportiva de A Torre ata a Praza de María Pita o sábado 6 de febreiro, mentres que os concursos de disfraces infantís e Choqueiros terán lugar o martes, 9 de febreiro, no barrio de Monte Alto.

As comparsas contarán con dúas modalidades, a de ‘Música e letras’ e a de ‘Vestiario e coreografía’. Como vén sendo habitual, o concurso de Comparsas ‘Música e letras’ escollerá as actuacións gañadoras a través dun festival que se celebrará o próximo 30 de xaneiro, ás 18.00 horas, no Pazo da Ópera. As persoas ou entidades, con agrupacións un mínimo de 10 persoas disfrazadas para a representación, interpretarán dúas cancións con acompañamento musical. Un xurado, formado por membros da Corporación municipal e cinco persoas de traxectoria recoñecida, escollerán as mellores actuacións ás que entregaran tres premios (valorados en 1.500€, 1.200€ e 800€) e até un máximo de 4 accésits, segundo o número de participantes. Este tribunal especial, creado para dita ocasión, terá en conta a simpatía e agudeza das letras, así como a correcta execución da peza ou o axuste co conxunto coral á hora de seleccionar as pezas preferidas.

Entre os requisitos para poder acceder aos premios atópanse que todas e todos os participantes deberán formar parte do desfile do día 6, e as comparsas gañadoras actuarán nun programa especial de radio que se emitirá en directo o martes 9 de febreiro, de 12.20 a 14.00 horas, desde o Campo da Leña. Para participar nesta modalidade, as persoas ou entidades interesadas poderán formalizar a súa inscrición de presencial nas oficinas do IMCE (Avda. da Mariña, 18. 15001 A Coruña) ou mediante correo electrónico imce@coruna.es, e terán que presentar o texto escrito e o arquivo sonoro de dous que presentarán no concurso antes das 14.00 horas do mércores 27 de xaneiro.

Pola súa banda, a modalidade de ‘Vestiario e coreografía’ celebrarase durante o desfile de carrozas e comparsas do sábado 6. Un xurado composto por membros da Corporación e persoeiros da cidade entregarán até cinco premios e un máximo de 15 accésits ás comparsas gañadoras. Na selección terán en conta a singularidade das creacións, os materiais de elaboración, a confección artesanal, os acabados dos disfraces e os seus complementos, así como a graza para a súa porte e as coreografías que as comparsas desenvolvan. No mesmo desfile tamén celebrarase o Concurso de Carrozas, as estrututas sobre rodas deseñadas e decoradas para o Entroido, que recibirán ate cinco premios e un máximo de 5 accésits . As medidas máximas permitidas de cada carruaxe nesta edición serán de 8 metros de longo, 2,5 metros de ancho e 4 metros de alto, non poderán posuír elementos cortantes e o decorado será de material ignífugo, entre outros requisitos.  

Para participar en ambos concursos --tanto no de Comparsas na modalidade de vestiario e coreografía como no de carrozas-- as persoas ou entidades deberán efectuar a súa inscrición antes das 14.00 horas do venres, 29 de xaneiro no IMCE o ou por correo electrónico, e asistir ao desfile central do Entroido do día 6.  



Concurso de Choqueiros

O barrio de Monte Alto será o centro das celebracións do Entroido o próximo martes, 9 de febreiro, ao celebrarse o coñecido Concurso de choqueiros e os adaptados ao público infantil, tanto de choqueiros como de disfraces confeccionados. Un ano máis, premiaranse económicamente os mellores vestiarios estrafalarios realizados con imaxinación e atavíos convencionais pola veciñanza.

A inscrición, que só permite realizarse na modalidade individual ou en grupo, realizarase o mesmo día 9, de 19 a 20 horas, na entrada da Escola Municipal de Música. As 100 primeiras persoas e grupos que realicen a súa inscrición recibirán 100 lotes de Entroido, formado por un mini lacón e unha ristra de chourizos.  

Pola súa banda, todas as nenas e nenos que desexen participar nas modalidades infantís, nacidos despois do 31 de decembro de 2003, poderán facelo desde unha hora antes do seu inicio, e outorgaranse tres premios individuais e de grupo, que serán lotes de libro de literatura infantil.

Documentos relacionados

  • Bases dos concursos infantís e de choqueiros - Entroido 2016 (95 KB)
  • Bases do concurso de carrozas e vestiario - Entroido 2016 (235 KB)
  • Folla de inscrición para os concursos de Entroido 2016 (96 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión