18 de marzo de 2018
A Coruña vén de participar no ‘Fly Valencia Meeting’, evento organizado pola Confederación de Empresarios de Axencias de Viaxe (CEAV), na que o Consorcio de Turismo expuxo o seu atractivo para os e as visitantes e incidiu na conexión aérea directa desde Alvedro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, viaxa este domingo a Valencia, onde permanecerá até o luns para reforzar as actuacións que engloba o protocolo de colaboración que asinou o pasado xaneiro en Fitur (Feira Internacinal de Turismo) co seu homólogo nesta cidade, Joan Ribó, e que ten como obxectivo desenvolver actuacións conxuntas de promoción turística. O rexedor coruñés manterá unha reunión co primeiro edil valencián aproveitando a celebración na cidade das Fallas, considerada Festa de Interese Turístico Internacional. Está previsto, pola súa banda e se así o posibilita a súa axenda, que Ribó devolva a visita este xuño, con motivo da festividade de San Xoán.
O protocolo de colaboración asinado en Fitur entre os respectivos consorcios de turismo de Coruña e Valencia manifestaba a vontade de ambas cidades "de establecer accións que contribúan a acadar mellores resultados en canto ao posicionamento de marca e imaxe de ambos destinos de forma combinada" e que deriven no "incremento de novos e novas turistas". A conexión aérea con Valencia foi unha das apostas de promoción turística do goberno local que mantén un convenio no compañía Vueling, que o pasado ano variou a frecuencia dos vóos entre ambas cidades, na busca de horarios que conviñesen mellor tanto aos e ás viaxeiras de negocios, como a aquelas qe buscaban o ocio que ofertan as dúas cidades.
A visita de Ferreiro prodúcese unha semana despois de que representantes do Consorcio de Turismo acudisen ao evento Fly Valencia Meeting --organizado na cidade mediterránea pola Confederación de Empresarios de Axencia de Viaxe (CEAV)-- co obxectivo de presentar á Coruña como cidade destino dos denominados city break, viaxes turísticos curtos que, segundo o sector, adoitan oscilar entre os 3 e os 5 días. A promoción da Coruña como destino turístico con cidades con enlace directo é unha das actuacións recollidas no Plan Estratéxico de Turismo (PET) co que conta o Concello dende o pasado ano.
Ao evento, celebrado en Valencia, asistiron un cento de axencias de viaxe ás que se lles presentou a oferta turística cultural e gastronómica da cidade e nas que se incidiu de xeito especial na conexión directa entre ambas cidades por vía aérea.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible