2 de xullo de 2015
Xulio Ferreiro reuniuse co presidente do club, Tino Fernández, e con membros do consello de administración, nunha xuntanza na que amosou a colaboración coa entidade, que se manterá dende María Pita, e se ofreceu para mediar no eido social
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, reuníronse este xoves co presidente do R.C. Deportivo, Constantino Fernández, e con varios membros do consello de administración do club. No encontro, o rexedor louvou a figura da entidade: “É unha das grandes institucións da cidade, que levou o nome da mesma por todo Estado e moito máis alá”. Así, asegurou que a colaboración entre ambos os dous organismos “seguirá como até agora, ou incluso mellor, nos próximos anos”.
Ferreiro explicou ante os medios, unha vez rematada a reunión, que a grandeza do Deportivo, máis alá de ser consciente dos déficits estruturais que poida aínda presentar o estadio de Riazor, “non está no cemento, senón na xente que hai dentro”. O alcalde coruñés indicou que “todos temos que botar unha man”, polo que María Pita fica “a disposición do club para que, se aínda quedan asperezas sociais que limar, o concello medie para tratar de solventalas”. “A afección do Deportivo ten que ser a de sempre, unha das mellores de España que sempre estivo xunta, e que sempre animou ao equipo sen reservas”, engadiu.
Pola súa banda, Fernández cualificou a reunión de “cordial”. “Falamos dos temas en común que compartimos, tanto club como concello e os plans que se poden plantexar para os próximos anos”, dixo o presidente do Deportivo. “Estamos moi orgullosos da nosa galeguidade e de ser unha icona da cidade”, aseverou.
Fernández indicou que entre as necesidades máis inmediatas do Deportivo atópase a da reforma da cuberta de Riazor, cuxas obras se espera que comecen en breve, e que contan co apoio do Concello. “Creo que existe unha boa sintonía entre ambas partes e somos conscientes do esforzo que se fai neste tempo de dificultades orzamentarias, que non é para nada menor”, dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible