Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2015

O alcalde da Coruña salienta que o proxecto do Concello para humanizar a Vedra "tamén dá resposta aos problemas de mobilidade e de seguridade da vía"

Xulio Ferreiro saúda a reunión de traballo que a semana que vén terán os técnicos municipais que prepararon a proposta do Goberno local cos seus homólogos do Ministerio de Fomento, e na que estará o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, saudou hoxe o feito de que a próxima semana vaia a celebrarse unha reunión de traballo de carácter bilateral entre técnicos municipais e do Ministerio de Fomento --na que tamén estará presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela-- co obxectivo de analizar de forma coordinada o proxecto de remodelación da avenida da Vedra. Segundo explicou o rexedor, antes dun acto no Colexio Provincial de Avogados, á xuntanza acudirán os e as técnicas do Concello que se encargaron de elaborar a proposta municipal, que xa conseguiu aglutinar numerosos apoios, tanto por parte de todos os grupos da oposición, agás o PP, como por parte dos e das urbanistas e as asociacións veciñais.

“Esta reunión bilateral, na liña do que acordei coa ministra de Fomento, ratifica que o noso é un proxecto serio, que contempla os problemas de mobilidade, pero tamén a necesaria humanización da vía, e esa necesaria intermodalidade da mesma. Os problemas de seguridade preocúpannos, igual que os problemas de mobilidade, pero tamén a conversión de Alfonso Molina unha avenida urbana. Cremos que o noso plantexamente dá solución a todas esas problemáticas. Técnicos e políticos sentarémonos na mesa para buscar a mellor solución posible”, insistiu.

Por outro lado, Ferreiro foi preguntado polos medios a respecto da subida do IBI (Imposto de Bens Inmobles) do 0,6% ao 1,3% ás empresas que operan no Porto da Coruña contemplada nas modificacións das ordenanzas fiscais, que o pasado luns recibiron o visto e prace do Pleno municipal. O rexedor volveu insistir en que estas modificacións “benefician á gran maioría dos veciños e veciñas da Coruña, que verán os seus impostos locais reducidos”. “Creo que a unha empresa cun nivel de facturación como o que ten Repsol, os euros que lles pode supor a subida desta taxa non lle vai supor maior problema. A ninguén lle gusta pagar máis do que pagaba, pero seguro que a xente da Coruña verá aliviada a presión fiscal que soportaba coas exencións que puxemos en marcha este luns”, comentou o primeiro edil, que destacou a baixada do recibo da auga par a toda a poboación, “sobre todo para os pequenos e pequenas consumidoras”. “Creo que iso si que é relevante para a vida de moita xente, mentres que a suba para grandes empresas é completamente intrascendente”.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión