25 de abril de 2016
Ferreiro destacou a aposta do Concello por establecer un marco cooperativo que poida beneficiar ao Porto da Coruña, así como a outros sectores da cidade, “co obxectivo de impulsar actividades económicas e xerar emprego”
O Concello vén de estabelecer, na mañá deste luns, un protocolo de colaboración entre A Coruña e a cidade chinesa de Yantian --que posúe un dos maiores portos contedores do mundo-- de cara a asentar un marco estable de relacións empresariais e comerciais. Nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, o alcalde, Xulio Ferreiro, e o seu homólogo en Yantian, Wu Delin, asinaron un Memorándum para Intercambios e Coooperación Amistosa entre o Distrito de Yantian e a Cidade da Coruña. O citado documento deixa constancia da “vontade de profundizar nas relacións amistosas entre ambas cidades, así como promover o desenvolvemento de relacións sociais, económicas e culturais”.
O primeiro edil coruñés, acompañado de concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno, así como doutros membros da Corporación municipal e de persoas representantes da vida social e empresarial da cidade, recibiu á delegación chinesa que, desta forma, devolveu á visita que o pasado novembro realizou ao país asiático o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema.
Ferreiro, despois de que o rexedor de Yantian asinase no Libro de Ouro do Concello, destacou a aposta do Executivo coruñés “pola firma dun memorándum de colaboración que, sen dúbida, servirá para impulsar actividades económicas e xerar emprego”. Non obstante, apuntou que, na busca dese obxectivo, todas as administracións deben cumprir unha serie de premisas: “Os Gobernos de calquera índole teñen a obriga de traballar por mellorar a calidade de vida do seu pobo, e de construír unha sociedade de dereitos e prosperidade, onde todo o mundo teña acceso ás mesmas oportunidades”, destacou, á vez que salientou que “as administracións, sexan grandes ou pequenas, non poden traballar en contra do progreso nin da internacionalización; deben fomentala, pero sempre salvagardando os dereitos da cidadanía e coidando a pequena e mediana empresa, para que non esmoreza á sombra dos xigantes”.
O citado protocolo acorda que os firmantes deben designar a persoas representantes que “manteñan contactos regulares para negociar os asuntos sobre a cooperación bilateral e o interese común”. Igualmente, de acordo cos principios de beneficio mutuo, as dúas partes asinantes “promoverán a prosperidade e o desenvolvemento recíproco a través da celebración de promocións, foros, exposicións e outras formas de intercambio e cooperación con respecto á loxística portuaria, a economía e o comercio, a ciencia e a tecnoloxía, o turismo costeiro, o deseño creativo e a proteción do medio ambiente”.
Potencial portuario
Ferreiro quixo destacar o potencial portuario de ambas cidades e a posibilidade de colaboración neste ámbito, así como noutras actividades. “Un dos nosos desexos é que a posta en marcha deste marco colaborador desemboque no asentameto de relacións comerciais entre os portos de ambas cidade. Non obstante, se ben o compromiso deste Goberno municipal co Porto Exterior de Langosteira é sabido e está máis que asegurado, non podemos renunciar a que as relacións e actividades colaborativas entre ambas cidade queden aí”, destacou. “Sabemos que as cuestións educativas e sanitarias tamén son do interese da delegación que hoxe nos visita. Terán en nós a uns anfitrións dispostos ao acordo e á cooperación en moitos campos”, indicou Ferreiro, que salientou o gran potencial da Coruña nestes campos, debido tanto á Universidade da Coruña (UDC) como ao Complexo Universitario Hospitalario da Coruña (CHUAC).
A este respecto, o memorándum asinado explicita que tanto A Coruña como Yantian “levarán a cabo iniciativas en áreas como as do tratamento médico, a saúde, a educación ou a cultura”, e “organizarán visitas de expertos relacionados, así como designarán equipos para participar nas actividades culturais e artísticas en ambas partes”. “Así, con intercambios amplios e profundos, mellorarase o entendemento mutuo e a amistad entre os pobos das cidades, á vez que se promoverá o desenvolvemento común das institucións e organizacións relacionadas”, reza o protocolo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible