21 de decembro de 2016
Xulio Ferreiro recibiu no Pazo de María Pita a Abel Caballero nunha visita de carácter institucional que se desenvolveu de xeito “cordial” e na que analizaron o proceso de conformación destes novos órganos supramunicipais en ambas zonas do norte e sur de Galicia
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu esta mañá no Pazo de María ao seu homólogo en Vigo, Abel Caballero, na súa primeira visita institucional ao Concello dende a chegada do actual Goberno local. A reunión, que o primeiro edil coruñés cualificou de "cordial", versou principalmente sobre a constitución das áreas metropolitanas da Coruña e de Vigo. "Ambos coincidimos en que o futuro da organización territorial do noso país pasa por ter unhas áreas metropolitanas fortes. É un proceso de constitución irreversible, que cremos que é bo para os nosos veciños e veciñas", comentou Ferreiro, ao remate da xuntanza. "Falamos da vertebración territorial a partir de dúas áreas urbanas que na actualidade xa son moi fortes de por si, e nas que os e as habitantes dos concellos que as conforman se senten parte dun conxunto, dunha realidade socioeconómica", reflexionou o mandatario coruñés, quen salientou, do mesmo xeito que Caballero en declaracións ante os medios, que "para o proceso de conformación das áreas metropolitanas deberiamos contar con consensos e facer as cousas de forma coherente con ese plantexamento territorial".
Ferreiro comentou que, durante o encontro, os dous rexedores locais "falaron sobre as problemáticas e circunstancias propias de cada zona á hora de abordar o proceso de constitución das áreas metropolitana, que non obstante, está en marcha". "O alcalde de Vigo estívome explicando un pouco as problemáticas que ten Vigo coa constitución da área metropolitana e eu comenteille que aquí o proceso non está avanzando, quizais, tan rápido como nos gustaría a moitos e a moitas para o que están a reclamar os concellos, pero que o estamos levando a cabo", indicou.
Á marxe da cuestión metropolitana, os dous alcaldes tamén abordaron outras cuestións como a organización da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), que preside o propio rexedor vigués, así como as modificacións en curso do teito de gasto e a forma en que pode afectar aos concellos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible