4 de maio de 2017
O rexedor avoga pola introdución de cláusulas sociais e de control de calidade nos pregos de contratación “para garantir a estabilidade laboral e a correcta prestación do servizo á cidadanía”
Xulio Ferreiro participou en Zaragoza nunha xornada de debate sobre a xestión dos servizos públicos municipais, xunto a rexedores e edís doutras cidades do Estado como Madrid, Barcelona, ou Valladolid
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou esta mañá en Zaragoza a xestión pública dos servizos municipais, "xa que os seus beneficios repercuten na veciñanza". "Apostar pola xestión pública dos servizos que se ofrecen á cidadanía non é unha cuestión dogmática, senón que é cumprir coa nosa misión legal en canto á súa prestación. Os concellos debemos ofrecelos en condicións que garantan a súa calidade", sinalou o rexedor. Así, Ferreiro defendeu "a necesaria devolución da autonomía local" aos concellos "por parte do Executivo central". "Os gobernos locais debemos rexeitar a disposición final 27 do Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que pretende dificultar aínda máis as municipalizacións de servizos e a prohibición da subrogación dos traballadores e traballadoras", explicou o alcalde, quen engadiu: "Debemos buscar fórmulas xurídicas que nos permitan seguir pola vía da xestión directa dos servizos e esixir a derrogación das disposición normativas (LRSAL e normativa de estabilidade), para que se nos devolva a autonomía local e que se nos permita prestar servizos públicos de calidade ás nosas veciñas e veciños, que é a nosa obriga".
O primeiro edil coruñés fixo estas declaracións esta mañá no marco da celebración da xornada La gestión de los servicios municipales, unha iniciativa de análise e debate promovida polo Concello de Zaragoza e Ebrópolis --Asociación para el Desarrollo Estratégico de Zaragoza y su Entorno-- e que tiña, como principal obxectivo, abordar a xestión neste ámbito desde diferentes perspectivas, a técnica e a política, así como as experiencias prácticas de distintas cidades ou a visión da sociedade civil da municipalización e a xestión directa dos diversos servizos. A súa intervención tivo lugar na primeira mesa redonda da xornada, nomeada La municipalización de la gestión de los servicios públicos, una política transversal, e que foi moderada polo alcalde de Zaragoza, Pedro Santisteve. O rexedor coruñés estivo acompañado polo primeiro edil de Huesca, Luis Felipe, o concelleiro de Economía e Facenda de Madrid, Carlos Sánchez Mato, o edil de Presidencia, Auga e Enerxía de Barcelona, Eloi Badia, e a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade de Valladolid, María Sánchez Esteban. Na súa intervención, o alcalde da Coruña sinalou que a aposta pola xestión pública "é o compromiso coa eficiencia e a eficacia, coa calidade da prestación do servizo así como das condicións laborais das persoas traballadoras", expuxo, á vez que destacou a "eficiencia" que ofrece en relación á xestión privada, "e que permite realizalo dunha forma máis económica para as arcas municipais". "O discurso da eficiencia da xestión privada dos recursos públicos xa non se sostén", afirmou Ferreiro. O primeiro edil coruñés referiuse, en concreto, á eficacia e a calidade da prestación dos servizos á veciñanza. "Na xestión pública non existe outro interese máis que o mero servizo público e a súa calidade, nas mellores condicións, así como da atención á cidadanía. Non hai elementos alleos que inflúen na toma de decisións alén do propio beneficio común na prestación do servizo", destacou Ferreiro, que defendeu "a utilidade", que, no caso de ter beneficios, "estes poden ter para seren reinvestidos desde un punto de vista social". "Se temos un servizo público que xera, economicamente, beneficios, estes podemos empregarse para bonificar os recibos de auga das unidades familiares que se atopan nunha situación complicada, así como realizar accións sociais, ou incluso, repartir os dividendos para o propietario, o Concello, e que estes, como nova fonte de financiamento, poidan ser dedicados a políticas útiles para a veciñanza, ademais de todo o investimento interno que se poida facer e mellorar os servizos, como renovación de infraestruturas", dixo. Entre as "vantaxes" da xestión pública, tamén salientou a oportunidade que ofrece a súa continuidade, "no lugar de cambiar cada catro anos de organización adxudicataria". "Cómpre aproveitar o saber do seu cadro de persoal neste tempo, cuxo coñecemento tamén se transmite para, precisamente, mellorar a prestación e a súa calidade", sinalou.
Precisamente, ao referirse á calidade da prestación dos servizos e control sobre a mesma, o alcalde mostrouse crítico respecto as restricións á contratación pública, xa que a falta de persoal "por non poder renovar os servizos despois das xubilacións", ou a externalizacións de determinados contratos, "dificulta o control de calidade e financeiro das contratas que prestan os servizos". "Non é casual que, precisamente neste punto, xurdan conflitos", expuxo o primeiro edil, quen reivindicou o deseño de pregos que dean ferramentas legais aos municipios "para garantir tanto a calidade da prestación do servizo como da estabilidade laboral e calidade do emprego do persoal que o desenvolva". "Este é un problema que se veu agudizado polo deseño dos pregos de contratación, que, tradicionalmente, non preveu certos problemas que podía plantexar a xestión privada dos servizos. Por iso desde o Goberno municipal da Coruña procuramos introducir cláusulas que si resolvan estas cuestións, e inclúan controis de calidade, o cumprimento do convenio colectivo, igualdade entre home e muller, etc., e que garantan así, cuestións que xa están conseguidas a través do emprego público", explicou.Ao fío, o rexedor mostrou a súa preocupación sobre certos problemas provocados pola privatización indiscriminada dos servizos públicos, "e que pode rematar provocando o baleiro das arcas municipais e casos asociados á corrupción", quen lembrou que "o lóxico é que os servizos municipais sexan xestionados polo Concello, non entidades privadas, que, ás veces, non teñen experiencia previa no servizo que ofrecen á cidadanía". "Se non houbera un programa claro de privatizacións e de traspaso de diñeiro público ao sector privado, moitas cousas das que estamos a ver estes días non terían pasado", aseverou.
Nas xornadas, dirixidas a alcaldes e alcaldesas, técnicos municipais, edís, organismos públicos e sociedades mercantís, e abertas á cidadanía, tamén participou o director xeral da Empresa Municipal de Augas da Coruña, S.A, (EMALCSA), Jaime Castiñeira, na mesa Experiencias prácticas de gestión directa de los servicios públicos municipales, xunto a responsables de empresas municipais dos servizos de mobilidade, funerarias e xestión integral.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible