Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2015

Carlos Negreira convida os coruñeses a visitar o recentemente inaugurado showroom de Coruña Smart City para "ver e tocar" os avances do proxecto na cidade. A exposición que abre hoxe na Biblioteca Municipal Salvador de Madariaga ofrece un percorrido polas distintas iniciativas de Coruña Smart City a través de 34 postos interactivos

O alcalde destaca a importancia de proxectos como Coruña Smart City para xerar actividade económica en novos sectores e situar a cidade na captación de fondos europeos

O Concello pon en marcha cinco novas zonas WIFI públicas en distintos barrios e máis de 3.300 persoas utilizan xa as novas aplicacións de Coruña Smart City para gozar da cidade.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, subliñou hoxe durante a inauguración do showroom de Coruña Smart City que proxectos coma este son fundamentais para xerar nova actividade económica na cidade, sobre todo no sector das TIC, que na Coruña supoñen o 50% do tecido empresarial, e para situar a cidade na captación de fondos europeos para a innovación.

Negreira lembrou que Coruña Smart City é un proxecto premiado, precisamente polo seu feito diferencial. “Decidimos empezar polo cerebro da cidade, xerar unha plataforma que xa está a procesar máis de 300 millóns de datos e ponos en común para que poidamos tomar as mellores decisións non só nunha área, senón para facer unha xestión integral”, sinalou Carlos Negreira, quen agregou que con Coruña Smart City, a cidade xogou dende hai tres anos “ao ataque”, sendo proactiva para poñer en marcha mecanismos que sirvan para o futuro. “Temos xa a convocatoria de fondos europeos aberta e a competencia vai ser moi dura pero estamos moi ben situados para gañar o futuro”, agregou.

O alcalde destacou que o apoio da UE ao proxecto demóstrase polo interese que xerou noutras cidades de todo o mundo (Estados Unidos, Turquía, Latinoamérica) cuxos responsables están a visitar a cidade para coñecer o proxecto. “Estamos facendo algo moi importante e innovador. Estamos escribindo un manual da cidade do futuro que chamou a atención doutras cidades que nos visitaron. Somos un socio querido e valorado en Europa e seguiremos traballando para o mundo dende o local”, destacou o rexedor.

Carlos Negreira engadiu que un proxecto coma Coruña Smart City non é só importante polo seu impacto na xestión da cidade e a participación da cidadanía, senón que tamén é clave como dinamizador da actividade económica e xerador de novas oportunidades de negocio. “Só as cidades que sexan capaces de ofrecer estas novas solucións gañarán o futuro”, destacou e engadiu que Coruña Smart City xa impulsou preto de 2.000 empregados na cidade.

Carlos Negreira convidou a todos os coruñeses a visitar o showroom de Coruña Smart City que abriu hoxe as súas portas na Biblioteca Municipal Salvador de Madariaga (r/ Durán Loriga, 10). A exposición ofrece un percorrido polos distintos proxectos en marcha en áreas como a xestión da auga, o medio ambiente, a cultura, o turismo ou a mobilidade, entre outros. Tal e como subliñou o alcalde, nos 34 postos interactivos da exposición a cidadanía poderá “ver e tocar as aplicacións prácticas dun proxecto que está transformando a forma de xestionar a cidade e que converte os cidadáns en protagonistas”.

Na inauguración, Carlos Negreira anunciou o acceso gratuíto a WIFI en cinco novas zonas da cidade: praza de María Pita, Obelisco, praza das Conchiñas, praza Elíptica e os Xardíns de Méndez Núñez. Ao longo do 2015 habilitaranse máis puntos de acceso no Parrote, praza de Pontevedra, estación de trens, estación de autobuses, zona da Marina e zona de cruceiros, que se suman aos xa situados en equipamentos municipais, bibliotecas, centros cívicos e centros deportivos da cidade ata chegar á trintena. A velocidade de acceso a Internet nestas zonas será de 256 kbps, que é a fixada pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións para todas as WIFI públicas. Con todo, o acceso aos servizos municipais, portal Smart, ou calquera servizo que se encadre dentro do dominio coruna.es ou coruna.gob.es non será obxecto desta restrición.

Máis de 3.300 persoas utilizan xa as novas aplicacións de eventos e visitas guiadas de Coruña Smart City e valoran de forma moi positiva os novos servizos. Ademais, o novo portal de Coruña Smart City, (www.smart.coruna.es), duplicou as súas visitas dende o seu lanzamento o mes pasado con máis de 44.000 páxinas vistas. O portal ofrécelles ás súas persoas usuarias información dinámica sobre o estado do tráfico, o prezo das gasolinas, o nivel do encoro de Cecebre ou a farmacia de garda máis próxima. O 50% dos usuarios consulta o portal a través de dispositivos móbiles e tabletas, os usuarios navegan, de media, máis de tres minutos e a información que máis se consulta, ademais da relativa ao proxecto, é a das estacións de bicicoruña, seguida da oferta cultural e de lecer e o estado do tráfico e transporte urbano.

O showroom estará aberto todos os días, ata o 17 de maio, en horario de 11.00 a 21.00 horas, e organizaranse visitas guiadas, con cita previa, para grupos de 10-15 persoas todos os martes e xoves de 20.00 a 21.00 horas. Toda a información sobre o showroom, así como a xestión de reservas para as visitas guiadas están no portal de Coruña Smart City (www.smart.coruna.es).

O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa nova proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e na posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se lle chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.

Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña tamén foi seleccionada, entre máis de 300 candidatas, como unha das 6 finalistas ao premio á mellor cidade intelixente da Smart City Expo World Congress de Barcelona 2014.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión