Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xuño de 2016

O alcalde destaca que "o crecemento urbanístico da cidade ten que significar sempre crecemento humanizado", na inauguración da exposición 'Abrindo Horizontes', que retrata á Coruña do século XIX

Xulio Ferreiro presidiu a apertura ao público, no Kiosco Alfonso, desta mostra, que conta con 26 fotografías da época realizadas por Valentín Mendía, quen foi funcionario municipal

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu esta tarde a inauguración, no Kiosco Alfonso, da exposición Abrindo Horizontes, unha mostra composta por 26 fotografías da cidade tomadas polo funcionario municipal Valentín Mendía en torno a 1880. As instatáneas, que proveñen tanto do propio arquivo municipal como de coleccións privadas, están acompañadas de 15 bandos ditados entre 1872 e 1885 referidos a varios asuntos da cidade, así como oito documentos da época. O rexedor destacou a importancia desta exposición "que fará reflexionar á xente sobre como era A Coruña do pasado e sobre como queremos construír o noso futuro".

A este respecto, Ferreiro indicou que a exposición de Mendía dá conta, coas súas vistas, do enorme patrimonio que posúe esta cidade. "Un patrimonio que foi aínda moito maior pero que se foi deixando perder cos anos, debido á falla dunha protección específica", engadiu. "Falar do noso patrimonio significa tamén, nalgunhas ocasións, falar de urbanismo como ferramenta para o ben común, se ben, en tempos non moi lonxanos se pensou máis no beneficio duns poucos que no da inmensa maioría", explicou. "Neste Concello temos claro que o crecemento urbanístico, o dunha cidade, sempre debe ir acompañado dun crecemento humanizado. Se non o facemos, corremos o risco de volver a atoparnos con situacións como ás que agora temos que facer fronte, conflitos urbanísticos que trastocan a vida de moitos veciños e veciñas nas que non se pensou no seu momento", dixo. "Temos por diante un gran reto, que é o de darlle ao solo desta cidade un uso público acorde cunha nova era e unha noca concepción do urbanismo", subliñou Ferreiro, quen recordou que o Goberno municipal "está a traballar e a avanzar en grandes debates dos que dependerá A Coruña das próximas décadas, como pode ser a Avenida da Vedra ou os terreos portuarios".

Autor e horarios

Por outra banda, Ferreiro quixo destacar a figura de Mendía, como "un fotógrafo descoñecido para a maioría pero cuxa obra é de referencia nesta cidade". Nado na Rioxa en 1852, chegou á Coruña en novembro de 1875 ocupando o cargo de funcionario na Administración de Facenda. Como fotógrafo comercial a súa actividade centróuse nos retratos. Gañador de numerosos premios en Galicia e no resto do Estado, antes de abandonar a cidade, no ano 1887, foi testemuña, coas súas imaxes, do gran cambio que experimentou a cidade na segunda metado do século XIX.

A exposición, organizada pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, poderá visitarse até o día 25 de xullo no Kiosco Alfonso, todos os días en horario de 12.00 horas a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas. A mostra contará con visitas guiadas para o úblico os xoves ás 18.30 horas e os domingos ás 12.30 horas. Previa solicitude tamén se poderán realizar visitas guiadas para grupos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión