Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de agosto de 2016

O alcalde salienta que a regata The Tall Ships Races “será o principal evento da semana grande das Festas”, e afondará no perfil de "cidade viva e marítima" da Coruña

Xulio Ferreiro sinala que os concertos de 'As noites de María Pita' "complementarán a programación da actividade diurna da regata"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a programación de actividades da regata de grandes veleiros The Tall Ships Races A Coruña 2016, que se celebrará do 11 ao 14 de agosto na cidade. A proba náutica, na que participan máis de 2.000 persoas en máis de 30 embarcacións, chega a cidade despois de recalar nos portos de Lisboa e Cádiz. O rexedor destacou que a competición "encaixa coa concepción de cidade viva e marítima deste Goberno" e saudou a súa celebración na semana grande das festas de María Pita. "The Tall Ships Races será o principal evento destes días, xunto ao tradicional Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico, outra cita imprescindible", expuxo o primeiro edil, quen destacou que, alén destes acontecementos, "A Coruña contará con numerosa actividades estes días, que se complementará perfectamente coa programación diurna da regata", sinalou, entre as que destacou os concertos nocturnos que se sucederán na Praza de María Pita, nomeados As noites de María Pita, e nas que actuarán voces como Loquillo (11 de agosto), Nouvelle Vague (12 de agosto) ou Carlos Baute (13 de agosto, despois da Batalla Naval). "Agardamos ter unha alta afluencia de público esta semana", sinalou o rexedor.

Neste sentido, e ante esta previsión, Ferreiro lembrou que o Goberno local facilitará a mobilidade da veciñanza e de todas aquelas persoas que se acheguen á cidade durante a regata ao habilitar cinco novos aparcadoiros disuasorios, ademais do de Lonzas, que contarán cun servizo especial de buses lanzadeira que achegarán ao público ao centro da cidade cada 20 minutos, desde as catro da tarde ás 12 da noite. Estes cinco espazos, situados no Coliseum, Campus de Elviña, Birloque e as rúas José Vázquez Rozas e Aurelio Aguirre Galarraga, darán servizo, xunto co estacionamento de Lonzas, a máis de 3.100 vehículos. Xunto ao servizo lanzadeira, as e os usuarios dos aparcadoiros tamén poderán achegarse a eles coas liñas de transporte público urbano que dispoñen de paradas próximas aos mesmos, como as liñas 1A, 5, 20, 21, 22, 23, 23A, 24 e UDC.

Ademais do reforzo diurno do transporte público coa aplicación do servizo lanzadeira, o Goberno local tamén aumentará a frecuencia do mesmo no seu horario nocturno. O búho circulará nas noites dos días 12 e 13 cunha frecuencia de 30 minutos, saíndo do Obelisco na súa primeira viaxe ás 00.00 horas, e circulará, ás horas en punto, en sentido inverso ao habitual, reducindo así o termpo de espera para o regreso aos domicilios.

Entre os eventos que terán lugar dentro da programación específica da regata, o alcalde, que estivo acompañado na presentación polo concelleiro de Emprego e Economía Social Alberto Lema, a xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, o presidente da Sail Training International, Paul Bishop, e o presidente da Asociación Juan de Lángara, Pepe Etcheverría, destacou o desfile de barcos do domingo 14, o cal cualificou como "espectacular". A despedida dos grandes veleiros da cidade comezará no porto coruñés ás 12.00 horas da mañá, "será moi bonita de ver e poderase contemplar desde moitos puntos da cidade", explicou o alcalde, "como o Monte de San Pedro ou na contorna da Torre de Hércules".  

Valoración das Festas

Ante os medios de comunicación, Xulio Ferreiro valourou positivamente a afluencia de público na primeira semana das Festas da cidade, ás que cualificou como "éxito" desde o día do pregón. "Co concerto de Carlinhos Brown, a praza de María Pita estivo a piques de chegar ao seu aforo máximo, e o Festival Noroeste Estrella Galicia tamén funcionou moi ben durante a súa celebración", sinalou. Nesta liña, o alcalde fixo fincapé na intención do Goberno local "de facer do Festival un evento imprescindible para o calendario de verán en todo o Estado". "O Noroeste pode ser un factor de atracción turístico moi importante para a nosa cidade", afirmou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión