Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de decembro de 2017

O alcalde salienta que os orzamentos municipais de 2018 “revalidarán a clara pola mobilidade sostible” cun incremento do 4%, até os 20 millóns, dos recursos desta área

Ferreiro, que asistiu á entrega do Premio Familia Empresaria de Galicia, recordou a importancia da Lei da Área Metropolitana, “proxecto indispensable para que A Coruña xogue na liga que merece e para o que pedín ao presidente da Xunta, hai máis dun ano, lealdade e compromiso”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asistiu hoxe ao acto de entrega do XII Premio Familia Empresaria de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Empresa Familiar, que este ano galardoou á familia Prada, da Compañía de Tranvías da Coruña. No marco da mesma, o rexedor, que ofreceu un discurso ante os e as presentes, indicou que o vindeiro 2018 "será un ano clave para a mobilidade na Coruña e na súa área metropolitana". Así, insistiu na necesidade de "unidade" entre as institucións para desenvolver a necesaria Lei de Área Metropolitana da Coruña, peza fundamental para desenvolver un sistema de mobilidade global e en rede. "Movernos doutro xeito, de forma máis eficiente e sostible, é unha demanda cidadá de primeira orde, e unha responsabilidade colectiva. Depende de todos e todas nós. Da cidadanía, das administracións e das empresas con responsabilidade e compromiso de futuro. Todos os concellos da nosa área metropolitana, dende Culleredo a Betanzos, están polo labor", indicou, para resaltar "a importancia" que esta área ten para o goberno coruñés. Así, anunciou que os orzamentos municipais do ano que vén, o executivo municipal "revalida a aposta pola mobilidade". "Nunhas contas que suporán un enorme impulso para a primeira cidade de Galicia, cun cremento global do 3,2% e un incremento do 8% no investimento, volvemos deixar patente o noso empeño na mobilidade, departamento que se aproximará aos 20 millóns de euros de presuposto, case un 4% máis que este ano, no que empezaremos a ver os primeiros resultados da implementación do Plan DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado), financiado con 15 millóns de euros de fondos europeos", adiantou.

O proxecto orzamentario reserva para a área de Mobilidade un investimento no capítulo VI de máis de 1,7 millóns de euros, no que sobresaen as partidas destinadas aos proxectos de carril bici que desenvolve o goberno local. Así, contabilízase unha partida de 440.000 euros procedentes dos fondos DUSI, ademais doutros 336.000 euros que teñen como destino desenvolver distintas actuacións para o fomento da mobilidade en bicicleta solicitadas pola propia cidadanía dentro do proceso de Orzamentos Participativos.

Por outra banda, e dentro do capítulo VII orzamentario, tamén se prevé levar a cabo unha transferencia de capital de 1,3 millóns á Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) para a adquisición de bicicletas eléctricas así como novas estacións na cidade.

Orzamento

Esta renovada aposta pola mobilidade, dende unha perspectiva metropolitana, desenvolverase dentro dun orzamento que rondará os 247 millóns de euros, o que se traduce nun incremento importante con respecto ao deste ano (3,17%). Prévese que, mentres o gasto corrente subirá de forma contida un 2,4%, o investimento aumentará por enriba do 8%, un 12% se se suman os gastos de capital. Por outro lado, a implantación do plan DUSI, xerará unha previsión de investimento en total de 6,9 millóns de euros só para o vindeiro exercicio.

Modelo metropolitano

O primeiro edil coruñés insistiu na importancia de que A Coruña desenvolva un modelo de mobilidade metropolitana. "A Coruña xa non é unicamente A Coruña. Mentres que practicamente o 61% dos desprazamentos dentro do Concello da Coruña se producen a pe, en bus ou en bicicleta, o 89% dos desprazamentos entre A Coruña e a súa contorna aínda se fan en vehículo privado. Só cunha perspectiva autenticamente metropolitana, tanto na planificación como na xestión, poderemos ter unha mobilidade sostible e eficiente", indicou nun acto no que, dentro da representación institucional, tamén acudiu o presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo. "Por todo isto estamos a impulsar unha Área Metropolitana de verdade, seria, respaldada pola lei, con competencias propias e un financiamento suficiente, que poida gobernar dende aquí, e non dende Santiago, o transporte público na gran Coruña das Mariñas", dixo. "Trátase dun proxecto de futuro, indispensable para que A Coruña poida xogar na liga que merece, para o que lle pedín ao presidente da Xunta, hai máis dun ano, lealdade e compromiso", incidiu, en presenza de Núñez Feijóo.

Por outro lado, no marco dos traballos para favorecer unha mobilidade autenticamente metropolitana, o alcalde declarou que "en breve, poderemos coñecer o resultado dunha enquisa exhaustiva realizada nos dez concellos da área para saber, polo miúdo como nos movemos e como nos poderiamos mover con outro modelo, máis eficiente e máis sostible". "Será unha peza moi importante dentro da nova mobilidade na que estamos a traballar", apuntou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión