3 de marzo de 2017
A comitiva coruñesa, na que tamén figura o concelleiro de Emprego e presidente do Consorcio de Turismo, reuniuse este venres co alcalde da capital irlandesa e co embaixador español na zona, ademais de con diversos axentes turísticos.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, promocionou esta xornada a cidade da Coruña no marco de diversos encontros de corte institucional que mantivo en Dublin, capital da República de Irlanda. O rexedor, que viaxa acompañado polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen tamén é presidente do Consorcio de Turismo, así como a xerente do ente municipal, Lanzada Calatayud, indicou que o obxectivo principal da expedición é "estreitar lazos entre ambas cidades", tendo en conta os seus vínculos históricos, así como o aumento de visitantes procedentes deste territorio. "Irlanda aporta cada ano dous millóns de visitantes ao Estado español. Cremos que é moi importante dar a coñecer o gran potencial turístico que ten a nosa cidade para estes e estas viaxeiras", indicou o primeiro edil. Así, durante a xornada deste venres, a comitiva coruñesa mantivo unha xuntanza co alcalde de Dublin, Brendan Carr, ao que se lle fixo entrega, como agasallos de cortesía de carácter institucional, dunha figura da Torre de Hércules e unha camiseta do club coruñés de fútbol gaélico Fillos de Breogán. Na reunión, que tivo lugar na Mansion House --edificio que acolle a Alcaldía dublinesa--, tamén estaba presente o embaixador de España en Irlanda, José María Rodríguez Coso, así como representantes da asociación en Dublin de Amigos do Camiño de Santiago, entidade coa que tamén teñen actos previstos, de difusión e promoción da Coruña, na xornada do sábado.
Ferreiro destacou o momento no que se produce esta viaxe, logo da concesión o pasado ano da Compostela, por parte do Cabildo da Santiago, ás persoas que realicen o denominado Camiño Inglés. "Precisamente, esta viaxe parte do convite que nos fai a asociación de amigos do Camiño que hai en Dublin", comentou o mandatario local. "Esta institución en concreto, a Irish Society of St. James, realiza unha gran promoción desta ruta de Irlanda a Compostela, que eles denominan o Camiño Celta, unha denominación que nós compartimos", explicou.
Ademais, e dentro da axenda institucional que marca esta viaxe, o alcalde tamén mantivo diversas xuntanzas con axentes turísticos (representantes de axencias de viaxes, touroperadores e aeroliñas) xunto ao encontro que mantivo coa responsable da Oficina Exterior de Turismo (OET) en Dublin, Teresa Gancedo. O concelleiro Lema, que xa mantivo contactos con esta institución na pasada edición de Fitur, destacou "a apertura dunha nova vía de promoción turística, importante e pioneira". "A OET, xa en Fitur, entendeu que as características especiais da Coruña, a súa relación simbólica con Irlanda, e a concesión da Compostela, son elementos moi importantes de cara á atracción turística", comentou Lema, que agradeceu "a colaboración amosada" por este ente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible