Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de marzo de 2017

O alcalde entrega os premios ‘Formación para Emprender’, salientando “a aposta das novas xeracións pola economía social”

Acompañado do concelleiro de Emprego, Alberto Lema, Ferreiro participou na décima edición deste concurso que premia proxectos innovadores de emprendemento e no que participou o alumnado de nove centros de formación profesional da cidade e un total de 263 persoas

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este mércores xunto co concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, na entrega da décima edición dos premios Formación para Emprender, que se desenvolven no curso da VII Feira das Ideas Empresariais do programa Inicia, que ten lugar no Fórum Metropolitano e que desenvolve o Concello da Coruña en colaboración co Igape e a Consellería de Educación. A convocatoria é unha actividade que se pon en marcha cos centros de formación profesional da cidade, en coordinación co servizo municipal de Emprego e Empresa, e que ten como obxectivo "desenvolver as capacidades emprendedoras do alumnado, propiciar o desenvolvemento de valores educativos e servir como instrumento para a difusión das boas ideas e proxectos empresariais dos e das estudantes". "Do que se trata aquí é de que os e as rapazas desenvolvan unha idea empresarial prometedora. Nesta edición vimos cousas moi destacables, todas relacionadas coa economía social, dende solucións ecolóxicas para as hortas, até cosmética, unha APP para persoas invidentes que as axuda a guiarse en museos e outras actividades públicas, un taller 'limpo' de motos, e outras moitas", indicou o rexedor. "Os proxectos que hai hoxe aquí veñen ratificar que estamos ante a xeración máis preparada da historia. Capacidade, creatividade e responsabilidade non faltan. Na nosa man, na das institucións públicas, pero tamén na das empresas, está a obriga de corresponder ao seu talento, ofrecendo alternativas laborais dignas", incidiu.

Un total de 263 alumnas e alumnos participaron nesta edición da feira, procedentes de 19 especialidades de nove centros educativos da cidade, como son o CIFP Someso, o IES Sardiñeira, o IES Imaxe e Son, a EASD Pablo Picasso, os CPR López y Vicuña e Nebrija, o IES Calvo Sotelo e os CPR de Afundación e o Liceo La Paz. Tal e como destacou o concelleiro de Emprego e Economía Social, "o proceso formativo do programa Inicia comeza nos centros, onde o alumnado de cada grupo formativo define, por grupos, o seu proxecto de empresa e traballa, xunto co profesorado, co material que se lles entrega para elaborar o seu plan de empresa". Os proxectos teñen seguimento por parte do persoal técnico do servizo municipal de Emprego e Empresa e do Igape. Estes escolleron 15 proxectos finalistas, dos que resultaron vencedores tres: o proxecto Electricall, Sukha e Identika3D. O primeiro foi desenvolvido no IES Calvo Sotelo e presenta dúas liñas de produto, unha APP que permite unha interacción activa entre profesionais e particulares para resolución de avarías e unha segunda para desenvolvemento de produtos innovadores electrónicos. Por outro lado, Suhka, realizado por alumnado no CIFP Someso, é un proxecto deseñado para un centro de estética e spa, con tratamentos para o coidado corporal, alimentación saudable e actividades lúdicas. O terceiro clasificado, un proxecto da Escola de Imaxe e Son, se basea na realización de infografías 3D fotorrealistas especializadas en identidade corporativa e en deseño web.

O alcalde quixo destacar, no acto de entrega galardóns "o gran nivel de todos os proxectos presentados", e destacou que, dos 15 finalistas, 8 tiñan unha fórmula xurídica de cooperativa, e 9 eran proxectos de economía social.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión