14 de maio de 2017
Xulio Ferreiro presidiu o evento dirixido a conmemorar a defensa da cidade ante o asedio das tropas inglesas cunha intervención na que tamén reclamou “medidas legais e recursos económicos que permitan abordar desde todas as frontes as violencias machistas como o que son, un problema social grave que afecta a toda a cidadanía”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu este domingo o acto de homenaxe á figura de María Pita e aos e ás defensoras da cidade na conmemoración do asedio das tropas inglesas no ano 1589, que se celebrou na praza que leva o nome da heroína. No curso do mesmo, o rexedor deu lectura a unha declaración institucional, na que chamou a "abordar desde os tempos presentes valores que esta cidade relaciona con aquel fito histórico e cos que podemos ligar ambas épocas", e destacou a conformación da área metropolitana e o futuro do bordo litoral como "grandes desafíos" presentes e futuros. "É hora de afrontar o reto da construción da Área Metropolitana e seguir empurrando na dirección de darlle unha solución administrativa ao que xa é unha realidade", salientou durante a súa intervención, despois de recordar que María Pita pertencía a unha familia oriúnda de Sigrás, onde tamén faleceu esta figura histórica que é símbolo da Coruña. "Hoxe, como antes, unha coruñesa pode selo por vivir na Cidade Vella ou tamén por vivir en Sigrás, e a propia María Pita así nolo di, converténdose en símbolo do que agora denominamos Coruña Metropolitana", proclamou. Ao fío, salientou o traballo desenvolvido nos últimos dous anos polo Goberno da Coruña, en colaboración cos concellos da comarca, de cara a sacar adiante a Lei da Área Metropolitana da Coruña, "o instrumento que permitirá abordar e planificar desde a coordinación e o consenso estratexias de mobilidade, de crecemento económico e de planeamento territorial; o soporte para avanzar nesa Coruña grande do futuro que é a área metropolitana".
Do mesmo xeito, Ferreiro destacou na súa alocución o "reto e a oportunidade histórica que é a de decidir entre todas e todos o futuro do noso bordo litoral e a relación que queremos entre a cidade e o seu porto". "Somos unha cidade incomprensible sen o seu porto, e estamos ante un desafío transcendental, como así o está entendendo toda a cidadanía, sumándose de xeito masivo a un debate e a unha aspiración que é a de incorporar dende a sustentabilidade, a protección ambiental e o ben común, os terreos portuarios á cidade. Temos a oportunidade de demostrar o que queremos que sexa o noso porto, se queremos potencialo para que siga producindo riqueza e traballo, como motor capaz de xerar novas oportunidades de emprego e, ao tempo, como novo espazo aberto ao uso de toda a veciñanza, ou un terreo onde transitar por modelos caducos e fracasados, que corren o risco de cuestionar o dereito á cidade", advertiu.
No curso da súa declaración, o primeiro edil coruñés tamén se referiu ao feito de que a heroína da cidade sexa unha muller. "Nin antes nin agora resulta doada esta condición. A igualdade efectiva entre homes e mulleres segue a ser hoxe un obxectivo, que debe encararse afrontando as grandes desigualdades que aínda acolle a nosa sociedade: desde a inxente e inxusta fenda salarial que resta autonomía a unhas sobre outros ata o teito de cristal que segue a blindar ás mulleres os postos de máis responsabilidade e proxección", indicou, para reclamar implicación, "especialmente das institucións con maiores competencias, capaces de artellar os instrumentos legais e os recursos que fagan que os dereitos duns e doutras deixen de ser diferentes pola mera condición de xénero". A este respecto chamou, "a asumir, antes de nada, o compromiso efectivo de acabar coa violencia que sofren as mulleres, que son as violencias machistas, a través de medidas legais e de recursos económicos que permitan abordalas desde todas as frontes como o que son, un problema social grave que nos afecta a toda a cidadanía", e tivo unha lembranza para a familia do menor, veciño da Coruña, asasinado hai unha semana, vítima da violencia machista.
Antes da lectura da declaración institucional, o alcalde, acompañado por concelleiros e concelleiras do Goberno local, iniciou o acto de carácter civil en homenaxe aos e ás defensoras da cidade ante o asedio inglés cun percorrido de diversas paradas e ofrendas florais en zonas emblemáticas da cidade que recordan á heroína local, como son a casa museo María Pita da rúa Herrerías -a que foi a súa residencia- ou a placa que lembra a defensa da cidade na Porta de Aires, ata chegar á estatua que a recorda na praza de María Pita. No acto central houbo representación do Goberno local e dos grupos municipais do PP e do PSOE, así como de institucións e entidades locais e numerosos veciños e veciñas. Tras a ofrenda floral ante a estatua, a sesión finalizou cunha actuación da Banda de Música Municipal, que interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e o Himno de Galicia como peche do acto institucional, para continuar cun concerto de pezas tradicionais, baixo a dirección de José Luis Represas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible