1 de novembro de 2016
Xulio Ferreiro formará parte dunha mesa redonda na que tamén estarán os alcaldes e alcaldesas de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Córdoba, Terrassa, Santiago de Compostela e Arganda del Rey, na que se compartirán e analizarán as distintas iniciativas
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participa este venres en Madrid no Encontro de Cidades pola Auga Pública, unhas xornadas organizadas polo Concello de Madrid e a Rede de Auga Pública, na que representantes de distintas cidades do Estado e de fóra, persoal especializado e entidades sociais analizarán a xestión pública deste recurso e debaterán sobre iniciativas e experiencias. En concreto, Ferreiro formará parte da mesa redonda 'Concellos pola Auga Pública', que moderará a delegada de Medio Ambiente de Madrid, Inés Sabanés, e na que intervirán tamén a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, a de Barcelona, Ada Colau, o de Valencia, Joan Ribó, o rexedor de Zaragoza, Pedro Santiesteve, a de Córdoba, María Isabel Ambrosio, o de Terrassa, Jordi Ballart, o de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e o de Arganda del Rey, Guillermo Hita, que é tamén presidente da Federación de Municipios de Madrid. Ao remate da sesión lerase a Declaración Institucional dos Alcaldes e Alcaldesas sobre a Xestión Pública da Auga.
O encontro, que inaugura este xoves a rexedora de Madrid, servirá para abordar os retos sociais e financeiros da xestión do ciclo integral da auga. Nel, os e as intervintes analizarán as fortalezas e dificultades da recuperación para a xestión pública, a privatización e a mobilización social, o modelo de xestión e democracia e o dereito humano á auga, así como a posibilidade de constitución dunha Rede de Cidades polo Dereito á Auga Pública. Na xornada inaugural intervirá, entre outras voces, a vicealcaldesa de París, e presidenta da empresa pública Eau de Paris, Celia Blauel, para expoñer o proceso de recuperación da xestión pública da auga na capital francesa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible